PSOE E BNG APOSTAN POLO PECHE DAS ESTACIÓNS DE TREN QUE QUEDAN EN DESUSO COA NOVA LIÑA DO AVE
•A dobre moral permítelle á Xunta prometer potenciar os trens de cercanías ao tempo que desmantela as vías
•O PPdeG entende que desaproveitar a vía convencional do tramo Portela-Portas-Vilagarcía supón unha “perda histórica irreparable”
•Reclama un ramal ferroviario que comunique Portas co novo trazado á altura de Rubiáns
•Gómez Alonso reivindica a vixencia do ferrocarril como o “o mellor medio para garantir a mobilidade, a seguridade e o aforro enerxético”
Os grupos que apoian ao bipartito autonómico –PSOE e BNG- volveron visualizar hoxe no Parlamento de Galicia o seu apoio ao peche das estacións de tren convencionais que van quedando en desuso coincidindo coa posta en servizo dos novos tramos adaptados para a circulación do AVE. Socialistas e nacionalistas rexeitaron, na Comisión de obras Públicas do Parlamento celebrada esta tarde, unha proposición non de lei defendida polo Grupo Popular para instar á Xunta e ao Goberno central a paralizar o desmantelamento das vías en Portas e noutros trazados similares.
O voceiro de Obras Públicas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, reclamou que canda as vías se manteñan os equipamentos de seguridade e comunicación para retomar a circulación, polos tramos que van quedando en desuso, de trens de pasaxeiros e mercadorías que podan seguir prestando servizo ás poboacións do contorno.
No caso de Portas, o PPdeG aposta pola construción dun enlace ferroviario que conecte esta localidade co novo trazado á altura de Rubiáns para facilitar a circulación de trens rexionais de media distancia que podan seguir utilizando os 50.000 habitantes que confirman a área de influencia desa estación.
PERDA HISTÓRICA
En xullo pasado entrou en servizo, con 39 meses de retraso, a denominada Variante de Portas, de 13,1 km de lonxitude, enmarcada no eixo atlántico de alta velocidade. O novo trazado, que discorre entre Portela e Vilagarcía, deixou en desuso o tramo de vía convencional que tiña estación en Portas, suprimindo o tren que prestaba servizo a esa localidade, feito que Gómez Alonso considerou unha “perda histórica irreparable”.
De feito, os propios veciños da localidade, teñen paralizado en diferentes ocasións os intentos de desmantelamento das vías cando os técnicos do ADIF trataron de iniciar a desmontaxe.
A decisión suscitou un enorme descontento social que canalizou a plataforma Salva o Tren, que xa leva recollido máis de 15.000 sinaturas de apoio e reclama da Xunta que articule redes ferroviarias de proximidade que aproveiten as vías anteriores ás obras do Ave e presten servizo de xeito paralelo á futura alta velocidade ferroviaria.
Para o PPdeG, a construción do trazado do AVE non debe implicar unha merma dos servizos ferroviarios convencionais, máxime tendo en conta que o tren constitúe “o mellor medio de transporte para garantir a mobilidade, a seguridade e o aforro enerxético”.
DOBRE MORAL DA XUNTA
Cando iso sucede, a Xunta carece dunha postura coherente en relación co futuro das comunicacións ferroviarias de curta e media distancia en Galicia. Mentres o presidente da Xunta afirma que Renfe considera viable a implantación de servizos de cercanías en Galicia e a Comunidade Autónoma promove unha campaña de propaganda na que anuncia a creación dun ente xestor de ferrocarrís, a propia Xunta consinte o desmantelamento das vías convencionais. Por se iso fose pouco, 15 días antes do anuncio de Touriño, o presidente de Renfe afirmaba no Congreso que esa compañía rexeita tal proposta por considerala non factible.
Como primeira medida, o PPdeG entende preciso poñer en marcha unha xerencia de cercanías ferroviarias en Galicia e efectuar un estudo de mobilidade que contemple as necesidades de oferta e demanda deste medio de transporte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario