miércoles, 12 de noviembre de 2008

PSOE E BNG FAN USO DA SÚA PREPOTENCIA HABITUAL,DAN AS COSTAS AOS VECIÑOS AFECTADOS E NÉGANSE A APOIAR A RETIRADA DO PLAN VIGO ÍNTEGRA PROPOSTA POLO PP

•Reitera o compromiso de Feijóo de retirar o Plan Vigo Íntegra e facer un novo plan viario metropolitano

•Gómez Alonso topouse coa intransixencia dos socios do bipartito, empeñados en materializar un plan que contempla disparates como o carril-bici entre Vigo e Nigrán ou a variante de Ponteareas

•O equipo de Caride deseñou unha vía de alta capacidade para conectar Gondomar con Tomiño, que contan cunha estrada pola que só transitan 1.500 vehículos diarios, mentres non prevé mellora algunha para enlazar Gondomar e A Ramallosa, pola que circulan cada día 14.000 vehículos

Os deputados do PPdeG e do BNG no Parlamento de Galicia retomaron hoxe a prepotencia e o sectarismo que caracterizan o seu comportamento político e volveron dar as costas aos veciños afectados polo Plan Vigo Íntegra promovido pola Xunta e rexeitaron, no Pleno do Parlamento, unha moción na que o PPdeG reclamaba a retirada desa iniciativa como paso previo á elaboración dun novo documento xurdido do diálogo e do consenso, para superar a elevada contestación social da proposta actual.

A proposta do PPdeG foi defendida polo voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, que considera que o Plan Vigo Íntegra foi concibido como unha “chapuza” que pivota sobre 14 actuacións sen sentido que deben ser reconsideradas. Advertiu que, unha vez sexa aprobado definitivamente, todos os viais recollidos no Plan Vigo Íntegra quedarán incorporados á ordenación urbanística dos concellos, cos conseguintes prexuízos para os propietarios de vivendas e instalacións que van quedar afectadas.

Gómez Alonso reiterou, na súa intervención, o compromiso do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, de retirar o Plan Vigo Íntegra e facer un novo plan viario metropolitano

PROXECTOS SEN SENTIDO

Gómez Alonso instou, sen éxito, a socialistas e nacionalistas a votar a favor da anulación, en Gondomar, da vía de alta capacidade con Tomiño, a circunvalación de Gondomar (afectará a 50 familias e deséñase a partir dunha cartografía de 1995, completamente anticuada) e a variante de Vincios. Esta reclamación foi apoiada por unanimidade polo Pleno do Concello de Gondomar por entender que se trata de proxectos innecesarios.

En Tomiño, a vía de alta capacidade con Gondomar atravesaría 5 parroquias (Vilaza, Chain, Morgadáns, Peiteiros e Couso), desintegrando 8 núcleos de poboación e afectando directamente a máis de medio cento de vivendas. O actual enlace viario entre Gondomar e Tomiño rexistra un tránsito de pouco máis de 1.500 vehículos diarios, que non xustifica a construción dunha vía de alta capacidade. Pola contra, para a estrada que comunica Gondomar coa Ramallosa, pola que transitan 14.000 vehículos diarios, a Xunta non contempla mellora algunha, o que deixa en evidencia as carencias de Política Territorial.

Gómez Alonso tamén se referiu á necesidade de reformular e consensuar cos veciños a variante de Ponteareas, que co seu deseño actual afecta ás parroquias de Arcos, Fontenla e Angoares. O proxecto parte dunha cartografía anticuada e dun avance de PXOM que non foi aprobado. A chapuza complétase cun plano que non contempla o parque empresarial do Val do Tea e un proxecto que non prevé conectar coa A-52 ningún dos dous polígonos que están en trámite en Ponteareas neste momento.

CARRIL-BICI

Os populares galegos reclaman, ademais, a anulación do proxectado carril-bici entre Vigo e A Ramallosa, un proxecto aberrante e inservible que resulta prexudicial para o concello de Nigrán. Afectará a máis 791 parcelas, danando a particulares e empresas.

A Xunta xustifica esta actuación argumentando que vai incrementar a seguridade viaria, pero obvia que a estrada paralela rebasará, con 28.000 vehículos/día, o seu grao de saturación. Ademais, Gómez Alonso preguntou qué sentido ten construír un carril-bici que terá que atravesar máis de 60 enlaces. “¿Vai executar pasos elevado ou inferiores para superar estes obstáculos?”, preguntou o deputado popular.

ELEVADA AFECCIÓN EN REDONDELA E MOS

Como exemplo, o PPdeG aposta pola alternativa 11 para a conexión da futura autovía A-57 (Pontevedra-O Confurco) co Aeroporto de Peinador, en lugar da denominada alternativa 5, escollida pola Xunta e Fomento, malia que provoca unha elevada afectación de vivendas e outras construcións nas parroquias redondeláns de Cesantes, O Viso e Redondela.

Da prevista autovía Vigo-Porriño, o PPdeG cuestiona que con ela, o 28% do territorio do concello de Mos quede afectado por infraestruturas, ademais de supoñer unha alternativa inviable, que introduce o tráfico no centro da cidade de Vigo, complicando aínda máis a xa difícil accesibilidade desta urbe.

O Pleno de hoxe tamén serviu para que volvese aflorar, unha vez máis, a incoherencia do BNG, por apoiar en Santiago un plan que rexeitou nos diferentes concellos afectados da área de Vigo, como Tomiño, Ponteareas ou Gondomar, entre outros. Unha vez máis, os nacionalistas optaron por dar as costas aos afectados a cambio de manter a alianza co PSOE e apoiar os proxectos da conselleira Caride.

No hay comentarios: