O PPdeG ADVIRTE QUE A PONTE DE RANDE SE COLAPSARÁ “INEVITABLEMENTE” EN 2010 SEN QUE XUNTA E FOMENTO ADOPTEN MEDIDA ALGUNHA PARA REMEDIALO
Ao ritmo actual de crecemento do tráfico, incrementado pola supresión da peaxe a a posta en servizo da vía rápida do Morrazo, a Ponte de Rande colapsarase “inevitablemente” no ano 2010, sen que a Xunta de Galicia nin o Ministerio de Fomento adopten medida algunha para remedialo. O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular de Galicia, Alejandro Gómez Alonso, responsabilizou hoxe na Comisión de Obras Públicas do Parlamento á Xunta e ao Goberno central de “asfixiar” o desenvolvemento da cidade olívica como consecuencia do seu desinterese por resolver as carencias de accesibilidade desa urbe e a súa área metropolitana, onde residen máis de medio millón de habitantes.
Gómez Alonso recordou que en agosto de 2006, a Ponte de Rande da Autoestrada do Atlántico superou o seu umbral de saturación, con 66.000 vehículos diarios de media durante o mes de agosto, con picos puntuais de ata 77.000 vehículos/día. O exercicio rematou cunha media anual de 55.000 vehículos diarios, o que supón un incremento medio de 10.000 coches adicionais respecto á media de 2005. Mentres, os expertos en tránsito consideran que unha autoestrada ou vía de alta capacidade perde utilidade cando supera os 40.000 vehículos diarios e, con características semellantes á AP-9, colápsase na práctica a partir dos 80.000 vehículos diarios.
Para superar o colapso dos accesos que se vai rexistrar en Vigo, o PPdeG considera que se debería actuar en catro direccións diferentes:
• Construción dunha autovía Vigo-Pontevedra, que debería entrar en servizo antes de 2010, pero non se inaugurará, como moi cedo ata 2013 ou 2014.
• Execución dunha segunda ponte sobre a ría de Vigo, ben de nova construción, ou ampliación do actual viaduto de Rande. A día de hoxe a Xunta continúa sen presentar a súa proposta e Fomento tampouco se posicionou sobre esta posibilidade. O desinterese amosado polo Goberno central respecto ao colapso dos accesos a Vigo contrasta coa axilidade amosada coa baía de Cádiz, onde Fomento vai iniciar este ano as obras dunha segunda ponte, por un importe de 300 millóns de euros para un viaduto de 3,15 quilómetros (o de Rande ten só 1,5 km).
• Posta en marcha do transporte metropolitano de Vigo e un servizo de trens de cercanías, que a Xunta é incapaz de facer realidade. Un estudo de Renfe sinala que o tren de cercanías podería absorber a metade do incremento de usuarios da AP-9 nun prazo de 10 anos e reduciría nun 50% a previsión de crecemento de tráfico sobre Rande. Dos 257 millóns de euros provistos por Fomento en 2007 para o tren de cercanías non dedica un só euro a Galicia, mentres prima a outras cidades como Zaragoza, que recibirá 7,4 millóns de euros este ano para implantar o tren de cercanías.
• Potenciar o transporte público na ría de Vigo, para aliviar o tránsito por Rande. Na década dos anos 80, o transporte da ría rexistraba dous millóns de usuarios por ano, cifra que se reduciu a menos de un millón na actualidade. O PPdeG suxire mellorar e ampliar o servizo, incluíndo ferries que presten servizo a pasaxeiros, coches particulares, autobuses e outro tipo de vehículos.
AFOGAR A VIGO E Á SÚA ÁREA METROPOLITANA
Na súa intervención, o deputado popular laiouse de que nos 20 meses transcorridos desde a toma de posesión do Goberno bipartito, a Consellería de Política Territorial non adoptou medida algunha nin tampouco efectuou xestións ante o Ministerio de Fomento para avanzar no deseño de solucións para evitar o previsible colapso dos accesos á cidade de Vigo. Foron, en opinión de Gómez Alonso “20 meses perdidos que contribuirán a afogar o desenvolvemento da cidade e da área metropolitana de Vigo”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario