A AUSENCIA DE COMPROMISO PARA EXECUTAR O AVE VIGO-PORTO FAI PERDER UN NEGOCIO ANUAL DE 17.000 MILLÓNS DE EUROS Á EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL
A ausencia de compromiso algún, por parte dos gobernos galego e central, para lograr a execución de un enlace de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto, priva á eurorrexión dun volume de negocio anual de 17.000 millóns de euros, cifra equivalente ao 1,5% do PIB de Galicia e a Rexión Norte de Portugal. Así o puxo de manifesto o voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, no debate dunha comparecencia da conselleira de Política Territorial, solicitada xa en outubro de 2005, para explicar o estado dese proxecto ferroviario.
Gómez Alonso denunciou que a deixadez dos Executivos de Santiago e de Madrid condena á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con 7 millóns de habitantes, a unha inevitable perda de competitividade económica, como consecuencia do incumprimento dos acordos do cumio hispano-portugués de Figueira de Foz que, en 2003, comprometeu a execución do AVE Vigo-Porto para o ano 2008. Sen embargo, ese compromiso temporal “desapareceu” no cumio de Évora de 2005 e, finalmente, na recente reunión de Badaxoz os presidentes da Xunta e do Goberno central faltaron á verdade ao afirmar que sacarían a información pública o estudo informativo do AVE Vigo-Fronteira Portuguesa.
Fronte ás mentiras dos Executivos galego e central, o Goberno portugués admitiu en febreiro de 2006 que a conexión Vigo-Porto non era un compromiso dos dous Gobernos e que, simplemente, estaba entre as intencións a abordar. O Goberno de Lisboa rebaixou as pretensións dese proxecto e, na actualidade, tan só contempla un tren de velocidade alta, que alcanzará un máximo de 155 km/hora, mentres que a directiva europea que regula esta materia sinala que a alta velocidade ten que acadar, polo menos, os 200 km/h en liñas acondicionadas e os 250 km/h nas de nova construción.
CATALUÑA TERÁ FINANCIAMENTO PARA AVE TRANSFRONTEIRIZO
Gómez Alonso desvelou que os ministerios de Economía e de Fomento do Goberno central “levan tres anos cruzados de brazos”, sen solicitar o correspondente financiamento europeo para a conexión ferroviaria Vigo-Porto, mentres que sí tramitou a demanda de fondos para o tramo de Perpignan da conexión AVE entre Francia e Cataluña no marco dun programa europeo para financiar proxectos transfronteirizos de infraestruturas. Do mesmo xeito, os Orzamentos do Estado non recollen un só euro para a partida do AVE entre Vigo e a fronteira portuguesa.
A COMISIÓN RECOÑECE QUE ESPAÑA NON SOLICITOU OS FONDOS EUROPEOS
Nunha recente resposta do vicepresidente de la Comisión Europea e comisario de Transportes, Jacques Barrot, ao eurodeputado galego Daniel Varela, a Comisión Europea admitía que España non solicitara eses fondos no ano 2006 e que o Goberno portugués dera entender que o proxecto de conexión entre Vigo e Porto non estaría listo ata o ano 2015.
O voceiro de infraestruturas dos populares galegos fixo memoria sobre o estado dos diferentes proxectos de alta velocidade pendentes de acometer en Galicia e recordou que existía un compromiso parlamentario para que o trazado entre Ferrol e a fronteira portuguesa, de 212,6 km, estivera executado no ano 2007. Pola contra, dos 31 tramos dese trazado, 15 aínda non están en obras e non hai un só quilómetro de AVE en servizo en Galicia.
Gómez Alonso tamén preguntou á conselleira de Política Territorial cal vai ser finalmente a velocidade dese trazado ferroviario, despois de que o Ministerio de Fomento admitise recentemente que os convois só alcanzarán os 125 km/h entre Vigo e Santiago, cando o compromiso adquirido durante o Goberno do PPdeG a situaba nos 210 km/h. “O AVE é, sen dúbida o talón de Aquiles do señor Touriño; mentres que as infraestruturas galegas e o Ministerio de Fomento se converteron no seu particular cabalo de Troia”, asegurou o deputado popular.
A xuízo dos populares galegos, a deixadez da conselleira de Política Territorial e do presidente da Xunta fainos “responsables de converter o AVE galego nun fato de viadutos e travesas para organizar rutas turísticas a pé”, na medida en que as paralizacións e suspensións acordadas polo Ministerio de Fomento impiden que varios tramos en obras podan conectarse entre si a curto ou medio prazo.
O voceiro popular de Infraestruturas recordou que o retraso co que se van executar os trazados de alta velocidade ferroviaria en Galicia quedou acreditado, incluso, en ditames de ámbito internacional. Apuntou que un recente informe da Unión Internacional de Ferrocarriles apunta que ningún tramo de AVE entrerá en Galcia, polo menos, ata o ano 2020.
CONSELLEIRA EMPEÑADA EN ESQUIVAR AO PARLAMENTO
Na súa intervención, Gómez Alonso reprochou á conselleira de Política Territorial que agardase ata hoxe para aceptar unha comparecencia solicitada polo Grupo Popular en outubro de 2005 e advertiu que a actitude de María José Caride, empeñada en eludir sistematicamente o control parlamentario, semella máis propia de unha “república bananeira” ca de un sistema democrático.
Para o PPdeG, a actitude de Caride non é de recibo, posto que accede a comparecer atendendo unha iniciativa rexistrada hai ano e medio e sen embargo, négase a responder a unha interpelación de plena actualidade, sobre as obras da vía do Salnés, que xa figuraba na orde do día deste pleno alegando razóns ineludibles de axenda.
CUESTIÓN DE ORDE
De feito, antes da comparecencia da conselleira, o voceiro parlamentario do Grupo Popular, José Manuel Barreiro, plantexou unha cuestión de orde e propuxo á conselleira aprazar a súa comparecencia ata dentro de dúas semanas para que respondera na mañá de hoxe á interpelación sobre as obras que se están a acometer na vía do Salnés, tendo en conta a actualidade do asunto e o elevado volume de poboación afectada. A conselleira ignorou a solicitude do Grupo Popular e empeñouse en manter a orde do día, sen dar explicacións sobre a vía do Salnés.
A actitude amosada por María José Caride non é nova e ten numerosos antecedentes. A pasada fin de semana, logo de enterarse de que o PPdeG organizara un acto con alcaldes de concellos afectados polo peche da vía do Salnés, a conselleira tratou de contraprogramar esa actividade e convocou aos rexedores, por teléfono, con menos de 24 horas de antelación, a unha xuntanza con ela en Sanxenxo, o pasado sábado. Para Gómez Alonso, o comportamento da conselleira de Política Territorial semella máis propio de quen practica a “política trilera” ca dun membro do Goberno galego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario