O PPdeG INSISTE EN QUE A XUNTA DEBE EXPLICAR POR QUÉ CONDICIONA A SUPRESIÓN DA PEAXE DE AUTOESTRADA SANTIAGO-ALTO DE SANTO DOMINGO
O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, insiste en que a Xunta de Galicia debe explicar por qué se empeña en condicionar calquera compromiso de rebaixa da ou supresión da peaxe da autoestrada Santiago-Alto de Santo Domingo aos resultados electorais do PSOE nas vindeiras Eleccións Municipais, a pesar de que esa actitude supoña unha “auténtica aberración desde o punto de vista democrático e unha absoluta falta de respecto aos usuario da vía e aos veciños das áreas que comunica”.
Gómez Alonso considera necesaria unha clarificación sobre a actitude da Xunta en relación coa AP-53, na medida en que desembolsa 3 millóns de euros anuais para financiar a supresión da peaxe da Autoestrada do Atlántico para os veciños do Morrazo, mentres se nega a habilitar unha partida de 750.000 euros para reducir nun 25% as tarifas de utilización da vía de alta capacidade que comunica Ourense con Santiago de Compostela.
TITULARIDADE AUTONÓMICA
A xuízo do deputado popular, da disfunción derivada das elevadas tarifas da AP-53 –que no último exercicio subiron incluso por riba do IPC, por decisión do Ministerio de Fomento- podería subsanarse se a Xunta asumira a titularidade da infraestrutura.
Para Gómez Alonso carece de sentido que o Goberno bipartito continúe empeñado en negarse a solicitar a titularidade desta autoestrada, cando a propia Xunta financiou o 50% da obra e o seu trazado discorre integramente polo territorio da Comunidade Autónoma. Maila todo, a conselleira de Política Territorial insiste en que a titularidade continúe correspondendo ao Ministerio de Fomento, que converteu a esta autoestrada na única do conxunto do Estado que non recibe partida algunha para rebaixar as peaxes.
Paralelamente, o deputado popular apunta en que o actual director xeral de Obras Públicas, Manuel Morato, que con anterioridade fora director técnico de ACEOUSA (empresa pública participada pola Xunta e encargada da construción e explotación da autoestrada Santiago-Ourense) é un “excelente técnico, pero un nefasto político”.
Só así se explica, a xuízo de Gómez Alonso, que agora se empeñe en criticar o modelo empregado para a construción e explotación desta infraestrutura, cando desde as súas anteriores responsabilidades nunca se amosara en contra da participación da Xunta na construción e financiamento do tramo Santiago-Alto de Santo Domingo da AP-53.
No hay comentarios:
Publicar un comentario