A TRANSFERENCIA DAS AUTOESTRADAS AP-9 E AP-53 PERMITIRÍA Á XUNTA NEGOCIAR O AXUSTE DAS PEAXES PARA EVITAR QUE OS GALEGOS PAGUEN AS TAXAS MÁIS ALTAS
O PPdeG instou hoxe formalmente á Xunta de Galicia a solicitar do Goberno central a transferencia da titularidade das autoestradas AP-P (do Atlántico) e AP-53 (Santiago-Alto de Santo Domingo), para que o Executivo autonómico teña competencias para fixar, de acordo coas empresas concesionarias, o importe das peaxes que pagan os usuarios e que na actualidade é o máis caro de España. O Ministerio de Fomento, titular formal destas dúas vías de pago, autorizou, nos últimos tres anos, un incremento das tarifas do 38%, crecemento que, en opinión dos populares, non se tería producido con esa virulencia se a competencia dependese da Xunta de Galicia.
O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, defendeu no Pleno de hoxe unha proposición non de lei para que a Xunta negocie co Goberno central o traspaso desas dúas vías de alta capacidade que discorren integramente polo territorio da Comunidade Autónoma. Matizou, nesta liña, que a AP-9 non pode considerarse unha vía internacional, xa que discorre entre Ferrol e Tui, mentres que conexión entre Tui e a fronteira portuguesa se efectúa a través da autovía A-55.
Gómez Alonso aproveitou a súa intervención para desmontar outro dos argumentos esgrimidos polo Goberno bipartito, ao aclarar que titularidade (o responsable da competencia) e concesión (encargado da explotación) son conceptos diferentes.
Na década dos oitenta, cando o actual presidente da Xunta foi subsecretario de Transportes e posteriormente secretario xeral de Infraestruturas, Emilio Pérez Touriño defendía a xestión privada das infraestruturas en réxime de concesión, por entender que a xestión pública podía verse afectada por posibles restricións orzamentarias. Sen embargo, o seu criterio parece ter mudado, buscando un argumento para negarse a solicitar o traspaso da titularidade.
REBAIXAR TARIFAS E ARTICULAR A ACCESIBILIDADE URBANA
Para os populares galegos, a asunción da titularidade das autoestradas galegas por parte da Xunta non só permitiría rebaixar as tarifas, senón que se traduciría tamén nun incremento do patrimonio público da Comunidade Autónoma e permitiría adoptar as mellores decisións para mellorar a accesibilidade urbana no eixo atlántico, decidir a construción dun terceiro carril no tramo da AP-9 que bordea Santiago ou tomar decisións sobre o crecente colapso da ponte de Rande.
“É lóxico que a Xunta asuma a titularidade da AP-9, pola que está a pagar, e pagará, máis de 3 millóns de euros anuais durante 41 anos; e da AP-53 que vai rematar en breve; e tamén que a administre a conexión entre 6 das 7 grandes cidades de Galicia”, enfatizou o voceiro popular de Infraestruturas.
TRASPASO CONSTITUCIONAL, ESTATUTARIO E RAZOABLE
Gómez Alonso recordou que a proposta de traspasado de titularidade das autoestradas xa fora recollida nun informe presentado polo Goberno galego na Comisión Mixta de Transferencias celebrada o 3 de novembro de 2003 e que o PPdeG xa a recollera tamén na súa proposta de reforma do Estatuto de Autonomía. “O traspaso é constitucional e estatutario, e ademais razoable, porque, ¿quen mellor que o Goberno autonómico para xestionar as conexións interiores entre as cidades galegas?”, sinalou o deputado.
A negativa dos socios do bipartito a apoiar esta proposta foi interpretada por Gómez Alonso como unha renuncia expresa da Xunta a exercer a súa capacidade de autogoberno en materia de infraestruturas e sinalou que Galicia asiste a “un caso claro de tiranía parlamentaria”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario