PPdeG RECLAMA Á XUNTA QUE INDEMNICE AOS AFECTADOS POLO PECHE DA VÍA DO SALNÉS, POR TER DESBOTADO ALTERNATIVAS MENOS LESIVAS PARA OS USUARIOS
O PPdeG reclamou hoxe no Pleno do Parlamento á Consellería de Política Territorial que habilite unha liña de axudas para indemnizar aos afectados polo peche total da Vía do Salnés, malia que dispoñía de informes técnicos que avalaban alternativas menos lesivas para os usuarios. A demanda foi oficializada esta tarde no Pleno do Parlamento polo voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, no debate dunha moción na que os populares reclaman a elaboración dun estudo oficial sobre o impacto do corte da Vía do Salnés e maila adopción de compensacións económicas aos concellos, a Deputación Provincial de Pontevedra e os diferentes sectores económicos polo peche do vial ao longo dos últimos catro meses.
Gómez Alonso puxo de manifesto que un estudo elaborado a instancias do PPdeG pon de manifesto que a decisión política da conselleira de Política Territorial de pechar totalmente ao tráfico a Vía do Salnés se saldou cunhas perdas de máis de 10 millóns de euros que sufriron fundamentalmente os usuarios particulares e as empresas que operan nas comarcas de Arousa e O Salnés, afectados polo desvío de arredor de 15.000 vehículos diarios por unha rede secundaria saturada e insegura. Esta estimación inclúe os gastos ocasionados polo peche á Deputación Provincial de Pontevedra e que aínda non foron asumidos pola Administración autonómica.
AXUDAS DE XUSTIZA
En opinión do deputado popular, a Xunta está obrigada a habilitar unha liña de axudas aos afectados “por xustiza e por respecto aos cidadáns, que sen ter culpa algunha, pagaron un elevado prezo pola irresponsabilidade e indecencia política da conselleira de Política Territorial”, que descartou os informes técnicos que acreditaban a viabilidade de ata tres alternativas diferentes ao peche da vía e todas elas resultaban menos lesivas para os usuarios. A actitude da conselleira levou a Gómez Alonso a reiterar que María José Caride, na súa condición de membro do Goberno galego, “é en si mesma un problema moi serio para o noso país”.
Argumentou o deputado que non se entende por qué a conselleira argumentou a necesidade de pechar a vía do Salnés para preservar a seguridade dos condutores cando deixou transcorrer dous meses entre o anuncio de inicio das obras e o peche efectivo do vial para repoñer os tubos.
Gómez Alonso cuestionou, ao mesmo tempo, as trabas impostas polos grupos políticos que apoian ao Goberno a que se investiguen as causas reais do peche desta vía, que o deputado popular insistiu en atribuír a unha manobra de distracción da Xunta para ocultar os graves problemas ocasionados polos incendios de agosto e as riadas posteriores nas comarcas de Arousa e O Salnés.
DESAPARICIÓN SOSPEITOSA DE EXPEDIENTES
O feito de que a conselleira de Política Territorial teña insinuado na Cámara autonómica que non atopa os informes técnicos que xustificaron a utilización de tubos metálicos na vía do Salnés constitúe unha mostra da “indecencia política” que caracteriza a súa actuación, máxime cando a Administración ten a obriga legal de custodiar toda a documentación oficial e a maior parte do seu equipo directivo traballou no mesmo departamento na anterior Lexislatura.
Recordou Gómez Alonso que a desaparición de documentos oficiais comeza a ser habitual na Xunta desde a chegada do Goberno bipartito e citou a “abdución súbita por axentes descoñecidos” dos exames dunha oposición de arquitectos técnicos que foran depositados nos sótanos da EGAP, en Santiago. Ante este cúmulo de anomalías, Gómez Alonso insistiu en preguntar por qué María José Caride non permite que se analice a documentación orixinal que supostamente avalou a decisión da conselleira de pechar a vía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario