POLÍTICA TERRITORIAL DESBOTOU INFORMES TÉCNICOS QUE DESACONSELLABAN PECHAR AO TRÁFICO A VÍA DO SALNÉS PARA SUBSTITUÍR OS TUBOS METÁLICOS
A conselleira de Política Territorial decidiu, unilateralmente, o peche da Vía do Salnés, durante 4 meses para substituír as tubaxes metálicas, poñendo en serio risco a integridade dos ocupantes dos máis de 15.000 vehículos diarios que foron desviados por estradas secundarias perigosas, a pesar de que dispoñía de informes técnicos que aseguraban que a intervención se podía acometer sen tomar unha medida tan drástica.
Este dato foi desvelado polo voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, nunha rolda de prensa ofrecida hoxe e na que tamén afirmou que coa decisión de pechar ao tráfico esa vía, argumentando un suposto risco para a seguridade viaria, a Xunta desviou a atención informativa sobre os graves problemas que se estaban a rexistrar nas comarcas do Salnés e Vilagarcía como consecuencia dos incendios e agosto e as riadas do outono.
Só en Vilagarcía, como lembrou Gómez Alonso, máis de 1.000 persoas perderon os seus vehículos como consecuencia das riadas, mentres que o propio alcalde socialista da localidade se queixaba do abandono do que foran obxecto por parte da Xunta e do Goberno central.
ESTRATEXIA PARA DESVIAR A ATENCIÓN INFORMATIVA
Ante este panorama, e unha vez que perderon toda credibilidade os intentos do presidente da Xunta por vincular as riadas con cuestións como o urbanismo para eludir a súa responsabilidade, mentres o descontento social ía en aumento, o Executivo galego buscou un novo golpe de efecto para derivar o centro de atención informativa: María José Caride anunciou, o pasado 5 de decembro, o peche indefinido, durante alomenos 4 meses, da Vía do Salnés, argumentando a imposibilidade de garantir a seguridade viaria.
A conselleira fixo pública a medida a pesar de dispoñer encima da súa mesa de estudos elaborados por enxeñeiros da Administración autonómica que demostraban a viabilidade técnica de substituír os tubos por estruturas de formigón, sen necesidade de pechar o vial ao tráfico rodado. Habería, simplemente, que coordinar o cambio dos tubos coas obras de desdobramento que xa están en marcha, aproveitando a nova plataformas para habilitar desvíos puntuais ao mesmo nivel e de idénticas características respecto ao trazado previamente existente.
Paralelamente, a Xunta despregou unha estratexia propagandística para tratar de convencer á opinión pública que os tubos metálicos empregados nesa vía, hai 15 anos eran propios de países terceiromundistas. Ocultou que as obras de desdobramento que se estaban a executar na Vía modificaron o réxime de canalizacións, ou que a comarca do Salnés foi unha das máis afectadas polos incendios do verán, que destruíron a cuberta vexetal do monte, que perdeu gran parte toda súa capacidade de absorción da chuvia e multiplicou o volume das escorrentías, afectando á propia estrutura da estrada.
POLÍTICA TERRITORIAL SIGUE EMPREGANDO OS TUBOS QUE CUESTIONOU NO SALNÉS
Na comparecencia de hoxe, Gómez Alonso fixo públicos diferentes documentos gráficos que demostran que Política Territorial continúa empregando tubos metálicos idénticos aos do Salnés en obras que están en execución neste momento, como na autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense ou na circunvalación de Negreira. Este feito revela, en opinión do PPdeG, a hipocresía política do presidente da Xunta e do seu equipo, que descualificaron a idoneidade técnica dos tubos coa intención de erosionar ao anterior Goberno e, sen embarco, seguen a utilizar o mesmo material en obras que se están a executar na actualidade.
Denunciou tamén o deputado popular que a conselleira de Política Territorial se nega con vehemencia a que a Comisión de Investigación sobre a Vía do Salnés, constituída no Parlamento de Galicia, poda efectuar indagacións sobre as alternativas plantexadas polos técnicos da Xunta para evitar o peche total á vía decretado pola Administración. Caride cursou tamén instrucións aos grupos políticos que apoian ao bipartito para impedir que a dita Comisión poda investigar o uso destes tubos nas obras que está a executar actualmente noutros lugares de Galicia ese departamento autonómico.
Gómez Alonso confía en que María José Caride acuda ao Pleno do Parlamento de Galicia previsto para a próxima semana para responder a unha interpelación do Grupo Popular sobre as razóns dos peche da vía do Salnés. A conselleira negouse a responder a esta interpelación no pasado pleno, argumentando razóns de axenda que non xustificou.
AXUDAS PARA OS AFECTADOS
Unha vez constatado o prexuízo causado polo peche da Vía do Salnés aos diferentes colectivos afectados –hosteleiros, confrarías de pescadores, depuradoras e cocedeiros de marisco, conserveiras e outras empresas implantadas nos polígonos industriais da comarca, que xeran un movemento de arredor de 200 camións diarios-, o PPdeG instará a Xunta que estableza unha liña de axudas económicas para compensar aos principais afectados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario