jueves, 19 de abril de 2007

UN CAPRICHO PERSOAL DE TOURIÑO, QUE DEFENDE OS INTERESES DUN AMIGO, PON EN RISCO A CONTINUIDADE DA MINA DE SERRABAL DA QUE DEPENDEN 600 EMPREGADOS


Un capricho persoal de Pérez Touriño, que prefire defender os intereses persoais dos integrantes dunha plataforma veciñal vinculada ao PSOE, fai que o presidente da Xunta se negue a apoiar ante o Ministerio de Fomento e ante o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) un trazado alternativo ao actual do AVE Santiago-Ourense que ameaza o peche da mina de Serrabal, situada nos concellos de Vedra e Boqueixón, da que dependen máis de 600 empregos directos e 2.400 indirectos.

O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, efectuou estas manifestacións esta tarde, na Comisión de Infraestruturas do Parlamento, ao formular unha pregunta para reclamar un posicionamento do Executivo galego ante a proposta de trazado alternativo formulada polos traballadores de Ramsa –empresa que explota a mina de Serrabal- para evitar que a execución do AVE poña en perigo a continuidade dos seus postos de traballo.

O TRAZADO ALTERNATIVO NON IMPLICA RERASOS ADICIONAIS

Gómez Alonso reiterou o apoio do PPdeG ao trazado alternativo defendido polos traballadores (foi elaborado polo anterior equipo do Ministerio de Fomento do PP, na etapa de Álvarez Cascos) e recordou que ese cambio non suporía retraso adicional algún no remate da conexión por AVE entre Santiago e Ourense.

Na súa intervención o voceiro popular recordou que, nunha recente comparecencia no Congreso dos Deputados, o presidente de ADIF, Antonio González Marín, afirmou que o cambio de trazado sería viable sempre e cando houbese un acordo do Parlamento de Galicia neste sentido ou a Xunta así o decidise.

TOURIÑO, COLEGA DO LÍDER DA PLATAFORMA QUE QUERE CONDENAR A SERRABAL

O deputado popular recordou que o trazado que pon en perigo a continuidade da mina de Serrabal e dos seus empregos, foi asumido polo Goberno socialista, despois que que o equipo de Magdalena Álvarez cedese ante as presións exercidas por unha plataforma veciñal vinculada ao PSOE e liderada por Carlos Barros, profesor universitario que no pasado compartiu militancia comunista con Pérez Touriño. A día de hoxe, esa plataforma continúa opoñéndose ao trazado alternativo que permitiría a supervivencia da mina e dos postos de traballo que dependen dela.

O trazado actual dos tramos Dornelas-Vedra, e Vedra-Boqueixón, de 13,3 kms, está paralizado desde 2004 mentres se desenvolven as negociacións entre Fomento e o empresario Villar Mir (titular da explotación mineira), xa que afecta ao filón principal da canteira nunha lonxitude de 1.700 metros.

O cuarzo extraído da mina de Serrabal constitúe un recurso estratéxico para Galicia e utilízase para a elaboración de silicio de alta calidade empregado nas factorías de Cee e Sabón que, xunto coa canteira, dan traballo directos a máis de 600 persoas.

AS OBRAS NON REMATARÁN ATA 2013

A totalidade do AVE Santiago-Ourense terá unha lonxitude de 82 km, cun trazado un 33% máis curto que o actual, un orzamento en 892 millóns de euros e un prazo de execución que conclúe en 2008, aínda que a Xunta actual xa admitiu que os traballos non rematarán antes de 2013, por mor dos retrasos que acumulan os seus 11 subtramos. De feito, Gómez Alonso puntualizou que este trazado se está a executar “a cachos”, con viadutos illados que tardarán moito en quedar conectados través da nova plataforma.

No hay comentarios: