ZAPATERO E ABEL CABALLERO MINTEN AOS VIGUESES E OCULTAN QUE O AVE NON CHEGARÁ A VIGO ANTES DOS ANOS 2015 OU 2016
O presidente do Goberno e mailo candidato do PSOE á Álcaldía de Vigo mentiron ao conxunto dos vigueses ao comprometer a chegada do ave á cidade para o ano 2012, cando o certo é que non será posible, no mellor dos casos, ata o anos 2015 ou 2016, e só no suposto de que non se produzan retrasos adicionais aos acumulados nos últimos anos. Son datos proporcionados hoxe no Parlamento polo voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular de Galicia, Alejandro Gómez Alonso, no debate dunha interpelación dirixida á conselleira de Política Territorial para demandar información sobre as obras da alta velocidade en Galicia.
Gómez Alonso argumentou que no suposto de que o estudo informativo do Ave Vigo-Ourense (iniciado hai xa 38 meses) se expoña ao público en xuño deste ano, a aprobación definitiva do trazado, incluída a declaración de impacto ambiental, non será posible ata setembro de 2008. Logo da licitación e a redacción do proxecto construtivo, as obras non poderán adxudicarse antes de outubro de 2010. Tendo en conta que as obras tardan un mínimo de 4 anos en executarse, aos que hai que sumar un ano adicional, polo menos, para electrificar a vía, o deputado popular concluíu que Vigo non disporá de Ave, como moi cedo, ata os anos 2015 ou 2016.
O EIXO ATLÁNTICO, TAMÉN CON RETRASO
O deputado popular tamén analizou, na súa intervención, o estado de execución do eixo atlántico de alta velocidade ferroviaria. Tan só a totalidade do trazado entre A Coruña e Santiago está en obras ou en servizo; entre Santiago e Pontevedra, as obras só se iniciaron nalgúns tramos; mentres que os cinco tramos entre Pontevedra e Vigo están adxudicados ou en proceso de adxudicación, pero ningún deles comezou aínda a ser executado. Neste escenario, Gómez Alonso concluíu que, a este ritmo, é imposible que o ave do auto atlántico estea rematado antes do ano 2014.
Pola contra, o Plan Galicia aprobado polo Goberno do Partido Popular contemplaba a construción de máis de 900 quilómetros de vías de alta velocidade en Galicia, cun investimento de preto de 7.000 millóns de euros para conectar as sete cidades galegas con Madrid en menos de tres horas, e entre elas nunha media de 30 minutos, no horizonte do ano 2010.
Diversos analistas, como os autores dun informe feito público por CC.OO. opinan que, ao actual ritmo investidor, Galicia non disporá de tren de alta velocidade ata o ano 2017. Nesta liña, a Confederación de Empresarios de Galicia tamén ten advertido que o freo investidor e o conseguinte retraso na chegada do ave a Galicia apraza investimentos empresariais e condiciona o desenvolvemento de Galicia.
Como exemplo do impacto da entrada en servizo das liñas de alta velocidade, Gómez Alonso recordou que a poboación de Cidade Real pasou de 48.000 a 72.000 habitantes en 15 anos, o tempo transcorrido desde a posta en funcionamento do primeiro ave español, o que enlaza Madrid con Sevilla desde o 21 de abril de 1992. A alta velocidade ferroviaria capta o 80% dos viaxeiros nos traxectos inferiores ás dúas horas e media de duración.
GALICIA, Á COLA DE ESPAÑA EN ALTA VELOCIDADE
Fronte a ese escenario de retrasos e incumprimentos en Galicia, o deputado popular recordou que dentro de tres anos, España pasará de contar cos 1.031 quilómetros actuais de vías de alta velocidade a dispoñer con 2.230 quilómetros de ave en funcionamento, converténdose no país do mundo con mellores dotación deste tipo, superando incluso a Francia e a Xapón, segundo datos recollidos nun recente informe da Unión Internacional de Ferrocarrís e anunciados polo presidente do Goberno central. “Pero o certo de todo isto é que, entón, en Galicia non haberá nin un só quilómetro de ave en servizo”, argumentou Gómez Alonso, quen tamén puxo de manifesto que esta Comunidade será a última en dispoñer desa infraestrutura de transporte.
Máis a curto prazo, a finais de 2007, 15 millóns de españois, residente en 17 capitais de provincia disporán de acceso directo a liñas de ave.
FOMENTO CORTOU AS ÁS AO AVE GALEGO
Neste contexto, Gómez Alonso laiouse de que en Galicia “estamos condenados a ter un ave de quinta xeración, porque o Ministerio de Fomento cortoulle as ás ao ave galego, como acreditan os 700 quilómetros de vías que deberían estar en obras e continúan paralizados a día de hoxe”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario