A XUNTA REITERA NO PARLAMENTO QUE NON ESTÁ DISPOSTA A REBAIXAR A PEAXA DA AUTOESTRADA SANTIAGO-DOZÓN
O director xeral de Obras Públicas da Xunta, Manuel Morato, reiterou hoxe no Parlamento que o Goberno bipartito non está disposto a rebaixar a peaxe da autoestrada AP-53, entre Santiago e Dozón, tal e como reclaman os usuarios, especialmente os da comarca do Deza. Ao responder a unha pregunta do voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, o representante da Xunta engadiu que se os veciños reclaman unha rebaixa da peaxe deben solicitala ao Concello de Lalín, obviando que o bipartito ten asumido, con cargo aos seus propios presupostos, a supresión de peaxes noutras áreas de Galicia, como A Barcala, a Ponte de Rande ou o tramo Dozón-Ourense da propia AP-53.
Pese á insistencia de Gómez Alonso, o director xeral de Obras Públicas da Xunta tampouco desvelou se o presidente da Xunta está disposto a recibir aos integrantes da Comisión Especial para a rebaixa da peaxe, que leva recollido milleiros de sinaturas para reclamar a materialización desta demanda.
A xuízo de Gómez Alonso, a resposta do responsable de Obras Públicas puxo de manifesto que a Xunta non ten intención de rebaixar as tarifas, non dispón de estudo algún sobre a proposta e négase a solicitalo á empresa concesionaria, Aceaga.
Con esta actitude, a Xunta “pisotea” aos veciños da comarca do Deza e pon de manifesto, que “votar ao PSOE equivale a emitir un voto en branco ou nulo, porque son incapaces de outorgar a esta comarca un trato equilibrado, semellante ao que dispensan ao resto de Galicia”, afirma Gómez Alonso. Por iso, pediu que os veciños tomen nota desa actitude e emitan un voto de castigo aos socialistas o 27-M.
O deputado popular apunta que cos 280 millóns de euros que a Xunta destinará á supresión da peaxe do tramo Dozón-Ourense da AP-53, a Xunta podería executar unha autovía de balde entre Pontevedra e Lugo, atravesando o Deza, como reclama o alcalde de Lalín. En opinión de Gómez Alonso, esta infraestrutura si contribuiría a incrementar a calidade de vida e dos servizos públicos dos 350.000 habitantes desta área da provincia de Pontevedra, ademais de supoñer unha aposta polo desenvolvemento económico do interior.
No hay comentarios:
Publicar un comentario