lunes, 9 de julio de 2007

O PPdeG ACUSA A NAVARRO DE INTENTAR ESCONDER CON TÓPICOS SOBRE O CARÁCTER DOS GALEGOS AS SÚAS PROPIAS LIMITACIÓNS PARA EXERCER O CARGO

O PP de Galicia, lamentou esta mañá que o director xeral da DGT “xustifique as súas propias limitacións como xestor e a súa ausencia de modelo para reducir a sinistralidade nas estradas galegas, dicindo que son os galegos os que non son capaces de ver os avances”. O dirixente popular asegurou que a actitude inxustificable de Pere Navarro, que se basea en cualificar aos galegos como “persoas instaladas no pesimismo” en lugar de asumir que os datos de mortalidade na Comunidade non son bos, merece un posicionamento por parte do presidente da Xunta. “Touriño debería dicir que lle perecen as maxaderías deste señor porque non deixa de ser un alto cargo da Administración central nomeado polo partido do que o presidente da Xunta é secretario xeral en Galicia”, asegurou Rueda. O secretario xeral do PPdeG asegurou que “ante desvergoñas deste calibre os galegos merecen ter un presidente que dea a cara por eles e pida explicacións”.

“O presidente debe porse ao lado dos centos de miles de galegos que onte foron cualificados practicamente de bobos por un señor que en lugar de afrontar as súas frustracións camúflaas con ataques a todos aqueles que non aceptan a súa doutrina nin lle rin as grazas”, apostilou.

Alfonso Rueda insistiu en que un xestor cuxo modelo non funciona, e que en lugar de asumir responsabilidades polos seus erros trátaos de vender á opinión pública como vitorias que tratan de embazarlle uns galegos desconfiados, pesimistas, tristes, escuros e pouco informados, é unha persoa á que, simplemente, “vénlle grande o cargo”.


PERSOAS MÁIS CAPACES
“Estou convencido de que en España hai persoas máis cualificadas para ese cargo que o señor Navarro; a pouquiño que busquen atoparán a alguén que, polo menos, sexa capaz de controlar a diarrea verbal do actual director da DGT”, engadiu.

O secretario xeral do PPdeG, que volveu pedir a Pere Navarro que deixe o seu cargo ou que sexa cesado, recordou que este novo exceso proveniente dun dirixente socialista de ámbito estatal non fai senón unirse a outros entre os que destacan perlas como as de Cristina Narbona (culpando dos incendiios ao “baixo nivel socioeconómico dos galegos”) ou de Magdalena Álvarez (referíndose ao maior compromiso investidor do Estado na Comunidade como “Plan Galicia de merda”).

En todo caso, pediu a Pere Navarro que se esqueza de pantasmas e mire as estatísticas, posto que cando lle redución media da mortalidade nas estradas españolas foi superior ao 14%, en Galicia apenas superou o 5%. “Haberá algún motivo para que isto sexa así, a pesar de que seguro que para o señor Navarro é culpa única e exclusivamente dos condutores galegos, que circulan apesadumbrados e tristones. Culpa das manifestamente mellorables estradas galegas seguro que non é”

No hay comentarios: