CONVERTER O TRAMO PONTEVEDRA-VIGO DA AP-9 EN AUTOVÍA E TRASLADAR A PEAXE Á FUTURA A-57, PROPOSTA DO PPdeG PARA EVITAR O COLAPSO VIARIO EN 2010
Evitar o colapso de Rande obrigaría a que a futura autovía a-57, Pontevedra-Vigo, entre en servizo en 2010, pero os catro anos de retraso que acumula fará que non esta operativa, como moi cedo, ata 2013 ou 2014
A conversión do tramo Pontevedra-Vigo da autoestrada debería ir aparellada da construción dun terceiro carril en cada sentido e, a longo prazo, permitiría sacar de Rande o tráfico pesado que circula entre o sur e o Norte da Comunidade
O Plan Viario da área de Vigo, presentado recentemente pola conselleira de Política Territorial é un “documento virtual” no que nin sequera cadran as cifras, ademais de non solucionar o colapso viario que afecta á cidade e ameaza con convertela nunha illa con serias carencias de conexión terrestre co resto de Galicia. Denunciouno esta tarde no Parlamento o portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, ao responder a unha comparecencia de Caride para explicar ese plan.
Recordou Gómez Alonso que xa o presidente da Xunta anunciara en 2005 un plan viario para Vigo que, segundo as súas palabras, ía estar remato en 2010. Sen embargo, o anuncio tardou tres anos en concretarse, pero con datos “inflados” que carecen de soporte real. Así, a Xunta fala de 70 actuacións, cando a suma das enunciadas (incluídos os carrís-bici) non supera as 52, algunhas das cales xa están en servizo, como a conexión das estrada PO-330 e PO-331, en Vincios; ou en construción, como o enlace Atios-Porriño, da A-55. Ademais, fronte aos 350 quilómetros cuantificados no documento da Xunta, as vías de alta capacidade de Vigo e a súa área suman tan só 120.
Neste escenario, a construción da autovía Pontevedra-Vigo (A-57) constitúe un dos alicerces básicos para desconxestionar os accesos á cidade de Vigo que, segundo os especialistas, corren risco de colapso definitivo no ano 2010. Sen embargo, o retraso de 4 anos que acumula o proxecto da A-57, fará que a autovía non poda entrar en servizo, como moi cedo, ata os anos 2013 ou 2014.
Salvo que se habilite unha medida alternativa con anterioridade, para esa data, a Ponte de Rande podería estar soportando xa un tráfico diario de arredor de 100.000 vehículos, cun crecemento de preto do 60% respecto ao actual.
AMPLIACIÓN DE RANDE AÍNDA SEN CONCRETAR
Para superar os efectos dese retraso, e evitar o colapso anunciado para 2010, Gómez Alonso propuxo que, antes desa data, se execute o terceiro carril en dobre sentido do tramo de autoestrada comprendido entre Pontevedra e Vigo, incluíndo a ampliación da Ponte de Rande, que a día de hoxe carece de proxecto concreto e se limita a unha recreación virtual asistida por ordenador.
A proposta do PPdeG consiste en converter ese tramo de autoestrada, unha vez ampliado, en autovía de balde para favorecer os accesos a Vigo. En troques, a A-57 podería converterse en autoestrada de peaxe e permitiría desviar de Rande todo o tráfico rodado, pesado e lixeiro, que circula agora desde o Norte cara o Sur de Galicia e cara Portugal, e viceversa.
Gómez Alonso insistiu en que esta proposta é factible e permitiría saldar parte da débeda contraída pola Xunta e polo Goberno central con Vigo e a súa área de influencia. De feito, mentres que Vigo carece de proxectos concretos a curto prazo para superar o seu colapso viario, as obras da segunda ponte sobre a baía de Cádiz foron iniciadas en abril de 2007. Sen embargo, a cidade andaluza ten menos da metade de poboación ca Vigo (128.000 habitantes), que contando a área metropolitana sobrepasa lixeiramente as 400.000 persoas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario