O PPDEG RECLAMA A CREACIÓN DA XERENCIA TERRITORIAL DE CERCANÍAS EN GALICIA
Subliña as vantaxes dos servizos de cercanías para solventar os problemas dos colapsos viarios e diminuír a siniestralidade nas estradas
A propia Renfe estima que cos ferrocarrís de cercanías se conseguiría aforrar case un 50% da conxestión urbana das nosas vías
Crítica ao peche de estacións
Gómez Alonso critica, tamén, a intención de Renfe de pechar numerosas estacións coa escusa do AVE e esixe o mantemento de todas elas, ‘xa que, amais, de non ser incompatibles nin coas liñas nin cos servizos do AVE, son necesarias para manter e mellorar os servizos rexionais
Recrimina a Xunta por asinar un convenio con Renfe, ‘que supuxo un cheque en branco sen esixir unha oferta atractiva, con máis e mellores servizos’
O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, reclamou hoxe, durante a súa participación na manifestación que esta tarde tivo lugar, na Alameda de Santiago, a favor da implantación do tren de cercanías e contra a eliminación do tren rexional, a aprobación desde Fomento da creación da Xerencia territorial de cercanías en Galicia.
Para acadar este obxectivo, Gómez Alonso subliñou que neste proceso de implantación é necesaria a participación de dúas importantes institucións do Ministerio de Fomento -o Adif, no tocante a infraestruturas e Renfe, para a implantación dos servizos- así como da Xunta, ‘xa que é necesario –matizou- que os transportes metropolitanos os coordine co ferrocarril, cunha política tarifaria única, a través do billete combinado’.
Unha vez implantado, o voceiro popular avoga porque sexa o Executivo autonómico, quen, a longo prazo, xestione todos estes servizos a través dun ente ferroviario galego, que planifique e coordine.
VANTAXES MEDIAMBIENTAIS E CONTRA O COLAPSO VIARIO
Gómez Alonso subliñou tamén as vantaxes dos servizos de cercanías, ‘un dos medios de transporte –dixo- con maiores vantaxes medioambientais e enerxéticas ao que debemos sacarlle partido’.
Neste sentido, lembrou que se trata dun medio de transporte moi eficiente fronte a un problema que cada vez se está a dar en máis estradas de Galicia, como son os colapsos viarios.
‘Este servizo viría moi ben para solucionar os colapsos viarios que sufren a diario numerosas estradas galegas, no eixo atlántico, principalmente, e nos accesos ás grandes cidades, como sucede no caso da Ponte de Rande para chegar a Vigo’.
Como exemplo destas vantaxes, Gómez Alonso recordou que no caso de Rande, o tren absorbería o 25% dos actuais usuarios e contería, no futuro, nun 50%, o incremento de tráfico no viaducto. ‘A propia Renfe estima que cos ferrocarrís de cercanías se conseguiría aforrar case un 50% da conxestión urbana das nosas vías’, matizou.
MELLORA URXENTE DOS SERVICIOS REXIONAIS
O voceiro popular criticou, tamén, a intención de Renfe de pechar numerosas estacións coa escusa do AVE e esixiu o mantemento de todas elas, ‘xa que, amais, de non ser incompatibles nin coas liñas nin cos servizos do AVE, son necesarias para manter e mellorar os servizos rexionais’.
Gómez Alonso reivindicou a necesidade urxente de mellora dos servizos rexionais de Renfe-Operadora e recriminou a Xunta de Galicia por asinar un convenio con Renfe, ‘que supuxo un cheque en branco sen esixir unha oferta atractiva, con máis e mellores servizos’.
‘Galicia –asegurou- precisa servizos rexionais directos punto a punto e máis rápidos, para unir varias veces ao día as principais cidades de Galicia e un axuste dos horarios dos servizos multiparada, xa que os actuais non se axustan ás necesidades dos usuarios’.
No hay comentarios:
Publicar un comentario