O PARTIDO POPULAR DEFENDERÁ NO PARLAMENTO GALEGO E NO CONGRESO OS INTERESES DOS AFECTADOS POLA CONEXIÓN DA AUTOVÍA A-57 CON PEINADOR
O trazado proposto por Fomento afecta a 3 parroquias e 114 edificacións, cun sobrecuste de 100 millóns de euros sobre a alternativa defendida polo PPdeG e os veciños
O Partido Popular presentará, no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, cadansúa proposición non de lei para instar ao Ministerio de Fomento a modificar o trazado do futuro vial de conexión da Autovía A-57, Pontevedra-Vigo, co aeroporto de Peinador, co obxectivo de reducir os elevado prexuízos que a alternativa actual vai ocasionar aos veciños de tres parroquias do concello de Redondela.
O anuncio foi efectuado este mediodía despois da reunión que unha delegación de deputados autonómicos e nacionais do Partido Popular e maila voceira municipal do PPdeG de Redondela mantiveron con veciños afectados no centro social de Saramagoso e a visita que efectuaron posteriormente ás áreas polas que podería discorrer o trazado elixido polo Ministerio de Fomento co apoio do PSOE local, mentres que o BNG mantén unha postura ambigua, sobre a que os populares tamén reclaman explicacións.
Deste xeito, o trazado elixido polo Ministerio de Fomento, a denominada alternativa número 5, afectará a tres parroquias de Redondela –Cesantes, O Viso e Reboreda- e a un total de 114 edificacións, co agravante de que presenta un sobrecuste de 100 millóns de euros respecto á alternativa 11, pola que se decantan o PPdeG e mailos veciños.
A proposta do PPdeG minimiza as afeccións e prexuízos e discorrería desde a A-57, partindo de Pazos de Borbén cara Os Valos (Mos) e Peinador. Neste caso, os populares son partidarios de efectuar unha lixeira modificación do trazado na parroquia de Vilar para minimizar aínda máis a afección prevista.
APOIO DO PSOE E CONTRADICCIÓN DO BNG
Sen embargo, a alternativa número 5 foi respaldada no Concello de Redondela cos votos dos concelleiros de PSOE e BNG. Sen embargo, a elevada contestación social suscitada levou ao BNG a manter unha posición ambigua, que se escenificou cando a deputada nacionalista por Pontevedra preguntou por este trazado no Congreso, pero evitando pronunciarse expresamente sobre a súa idoneidade.
RETRASO INASUMIBLE
A autovía A-57 atópase actualmente en fase de redacción de proxecto construtivo, aínda que acumula un retraso considerable. Ao ritmo actual, as obras non comezarán ata o ano 2009, data para a que o presidente da Xunta, Pérez Touriño, anunciara a súa entrada en servizo. O máis probable é que esa autovía non sexa realidade ata os anos 2015 ou 2016.
Para o PPdeG trátase dun retraso inasumible porque, ata entón, agravarase aínda máis o colapso viario de Vigo e o seu contorno. Cálculos recentes apuntan que, en 2014, o tráfico que atravesa a ponte de Rande cada día terase incrementado arredor dun 60%, ata acadar unha media diaria de 100.000 vehículos.
MURALLA
Na reunión celebrada esta mañá participaron o voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alejando Gómez Alonso, e mailo tamén deputado autonómico vigués Ignacio López-Chaves; o deputado nacional Javier Guerra; a voceira municipal do PPdeG no concello de Redondela, Francisca Canal, e varios concelleiros populares.
Gómez Alonso considera que, de executarse, o vial que plantexa Fomento actuará como unha auténtica “muralla de contención” para o desenvolvemento do concello de Redondela, xa que ao trazado en sí se lle suma unha afección de 130 metros a cada lado da futura estrada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario