lunes, 2 de junio de 2008

O ÚLTIMO TRAMO DA VARIANTE DE MARÍN HIPOTECA O FUTURO DA RÍA DE PONTEVEDRA E IMPIDE A RECUPERACIÓN DA FACHADA MARÍTIMA


Un grupo de veciños afectados seguiron as explicacións desde a tribuna de convidados do Parlamento, dada a negativa de María José Caride a recibilos

O trazado elixido pola actual Consellería de Política Territorial para executar o último tramo da variante de Marín hipoteca o futuro da ría de Pontevedra na medida en que impide recuperar a fachada marítima coa construción da megarrotonda prevista na zona de Mollavado, segundo puxo de manifesto estar tarde o voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, na sesión de control ao Goberno celebrada no Parlamento de Galicia.

Ao preguntar á conselleira de Política Territorial polas razóns que levan á Xunta a rexeitar o trazado alternativo presentado polos veciños afectados, Gómez Alonso insistiu en que o trazado elixido polo bipartito incrementa o impacto acústico e ambiental, terá un maior custe e incrementa os riscos para a seguridade, xa que a calzada prevista presenta polo menos tres puntos negros. Ademais, o vial acumula xa un retraso de 36 meses, mentres que, ata o de agora, a conselleira de Política Territorial, se limitou a inaugurar o treito que deixara en obras o seu antecesor, o actual presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, un trazado de 8,6 quilómetros que supuxo un investimento de 36 millóns de euros.

Gómez Alonso decidiu preguntar pola situación do último tramo da variante de Marín ante a negativa da conselleira de Política Territorial a recibir e escoitar aos veciños afectados polo futuro trazado. En opinión do deputado popular resulta “lamentable” que os veciños só podan coñecer a opinión da conselleira a través da sesión parlamentaria e interpretou a actitude de María José Caride como unha mostra da súa “falta de respecto á cidadanía deste país”.

Gómez Alonso amosouse disposto a renunciar ao seu segundo turno no uso da palabra a cambio de que a conselleira accedese a reunirse, esta mesma tarde, no Parlamento, cos veciños de Marín que acudiron á Cámara para seguir a intervención de María José Caride.

No hay comentarios: