O PPdeG CONVIDA A PSOE E BNG A FACER DO AVE UNHA “CUESTIÓN DE PAÍS” E PROPÓN UN ACORDO UNÁMIME PARA RECLAMAR A FOMENTO QUE CUMPRA OS COMPROMISOS
O PPdeG convidou hoxe a socialistas e nacionalistas a situar as infraestruturas no centro do debate político, converténdoas nunha “cuestión de país” e propuxo a materialización dun acordo unánime dos grupos parlamentarios para “facer forza en Madrid” e reclamar que o Ministerio de Fomento efectúe os investimentos necesarios para poder executar as obras da alta velocidade ferroviaria no prazo máis curto posible. A proposta foi efectuada hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia polo voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, no debate dunha moción sobre os prazos para a chegada do Ave.
Como primeira medida, o PPdeG considera que a Xunta e Goberno central deben recoñecer o retraso acumulado polas obras que están en marcha ou programadas para, de seguido, efectuar un seguimento conxunto de cada un dos proxectos conxuntos.
Gómez Alonso reprochou os “silencios electorais” do presidente da Xunta e do candidato socialista á Alcaldía de Vigo en relación cos prazos comprometidos polo presidente do Goberno en relación coa chegada do Ave á cidade olívica.
ZAPATERO MENTIU AOS VIGUESES
O deputado popular atribuíu esta ausencia de referencias ao feito de que tanto Touriño como Caballero “saben que Zapatero mentiu aos vigueses comprometendo un prazo irrealizable para a conexión de Vigo coa Meseta (2012), xa que ese AVE non entrará en servizo ata os anos 2015 ou 2016, dado o retraso co que o Ministerio de Fomento está a efectuar todos os trámites previos á licitación das obras. Proba diso, é que na emenda formulada por PSOE e BNG á moción defendida hoxe polo PPdeG nin sequera se atreven a fixar a data anunciada por Zapatero para a entrada en servizo do Ave entre Vigo e Ourense.
A SOIDADE DE VALGA FRONTE AO ADIF
Na súa intervención, Gómez Alonso reprochou aos integrantes do Goberno bipartito que de dediquen a falar de conceptos como autogoberno ou nación galega, cando non son capaces de dar exemplo e deixaron ao Concello de Valga en “soidade” durante as negociación co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para a supresión dos 14 pasos a nivel do municipio, especialmente o de Campaña, onde o pasado 25 de abril se rexistrou un accidente que se saldou con tres vítimas mortais.
Este contexto, no que a Xunta “nin sequera foi capaz de defender os intereses dos veciños de Valga fronte ao ADIF”, explica que a o bipartito non esixa prazos nin investimentos para materializar o Ave en Galicia.
Gómez Alonso apuntou na súa intervención que, “por sorte, cada vez falta menos para que se celebren Eleccións Xerais en España, para que Magdalena Álvarez deixe o Ministerio de Fomento e para que o señor Zapatero volva á oposición”. Será entón, con Mariano Rajoy na Presidencia do Goberno central, cando se materialice o recente compromiso documental rubricado polo Partido Popular no que se recollen os prazos de finalización da alta velocidade ferroviaria galega, para superar o retraso que acumulan as obras na actualidade e poñer fin á discriminación á que Galicia está sendo sometida.
Neste documento, o Partido Popular comprométese a incluír, dentro das actuacións dos 100 primeiros días do novo Goberno de España, todas as medidas políticas, administrativas e orzamentarias necesarias para garantir:
• A conexión das sete grandes cidades galegas por AVE con Madrid en menos de tres horas
• Licitar en 2008 todas as actuacións cuia tramitación ambiental estivese finalizada
• Entre as medidas a adoptar para acelerar a tramitación e a execución das obras pendentes, asúmese o compromiso de utilizar o procedemento de licitación conxunta de proxecto e obra, no caso de que aínda non se iniciase a redacción dos proxectos construtivos, nas seguintes actuacións:
- AVE Vigo-Ourense
- AVE Ourense-Lugo
- AVE Ferrol-A Coruña
- AVE Vigo-fronteira portuguesa
No hay comentarios:
Publicar un comentario