jueves, 28 de junio de 2007

A XUNTA DEIXOU PASAR MEDIA LEXISLATURA SEN POÑER EN MARCHA O TRANSPORTE METROPOLITANO NIN O TRANSPORTE NOCTURNO PARA MOZOS NAS ZONAS DE OCIO


Xa no ecuador da actual lexislatura, a Xunta de Galicia continúa sen poñer en marcha o plan de transporte metropolitano e mantén paralizada a implantación do transporte nocturno para mozos en zonas de ocio, segundo denunciou hoxe no Pleno do Parlamento o voceiro de Obras Públicas e Transportes do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso.

Ao responder a unha comparecencia da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, o deputado popular acusou a María José Caride de se ter desentendido, nestes dous anos, do compromiso, adquirido no acordo de Goberno do bipartito, de implantar un plan de transporte público de cercanías nas áreas metropolitanas.

MODELO SATISFACTORIO IMPLANTADO POLO PPdeG

Recordou que, a día de hoxe, o transporte metropolitano só funciona satisfactoriamente nas áreas da Coruña e Ferrol, onde foi implantado polo anterior Goberno do PPdeG, mentres presenta serias dificultades en Santiago de Compostela, a única cidade onde o bipartito tentou poñelo en marcha.

Pola contra, o resto das cidades galegas carecen deste servizo, a pesar de que a proposta estaba recollida nos programas electorais de socialistas e nacionalistas, que mesmo se comprometían a construír estacións intermodais nas 7 grandes urbes da Comunidade. Ademais, a única proposta de resolución aprobada en materia de transportes no pasado Debate sobre o Estado da Autonomía instaba ao Goberno a poñer en servizo os plans de transporte metropolitano de Vigo, Ourense, Pontevedra e Lugo no primeiro semestre de 2007, sen que ata o de agora se teña producido avance algún.

Cálculos elaborados polo PPdeG sinalan que un sistema de transporte metropolitano eficiente podería prestar servizo ao 60% da poboación de Galicia, o que se traduciría nun notable incremento do transporte público e unha redución proporcional da conxestión viaria e a contaminación provocada polo tráfico.

De igual xeito, Gómez Alonso recordou á conselleira de Política Territorial que tampouco se ten rexistrado avance algún para implantar o billete único de transporte intermodal nas áreas urbanas e metropolitanas, aínda que tamén estaba recollido nas bases programáticas para a acción de Goberno.

NOITEBÚS

O mesmo sucede co transporte público nocturno para mozos en “zonas de copas”, tamén coñecido como “Noitebús”. A pesar da necesidade de implantar este servizo de xeito permanente para reducir a utilización dos vehículos particulares e frear a elevada sinistralidade viaria asociada aos hábitos de ocio nocturno, a Xunta limitouse a publicar unha orde dotada con 800.000 euros. Desta cantidade, 200.000 euros destinaranse a pagar facturas pendentes. Gómez Alonso considerou dubidoso que Política Territorial poda ser capaz, cos 600.000 euros restantes, de estender o transporte nocturno ata conseguir o obxectivo de transportar a 500.000 usuarios anuais no horizonte de 2010.

O orador tamén chamou a atención sobre a incapacidade de Política Territorial para regular a actividade do sector do transporte en Galicia. O pasado ano, a Consellería presentou un borrador de anteproxecto de lei de fomento do transporte público colectivo, rexeitado masivamente polo sector e do que non se volveron ter noticias desde entón.

A PUBLICIDADE CUBRE O BALEIRO DE XESTIÓN

Fronte a este escenario de inoperatividade, Gómez Alonso destacou o esforzo propagandístico da Consellería que dirixe María José Caride, que se empeña en cubrir con páxinas publicitarias o baleiro que caracterizou a xestión dese departamento nos dous anos transcorridos desde o cambio de Goberno.

CARENCIAS DO TRANSPORTE FERROVIARIO

Ao mesmo tempo, o deputado popular desvelou as eivas do último convenio asinado entre a Xunta e Renfe para a prestación de servizos ferroviarios de media distancia que desaproveita a posibilidade de poñer en marcha un tren de cercanías, o que converte a Galicia na única Comunidade Autónoma do litoral que carece deste servizo, que podería reducir o uso dos vehículos ata nun 50% para enlaces como Vigo-Pontevedra ou Ferrol-A Coruña. Do meso xeito, nada se sabe da posible data de incorporación dos talgos de sétima xeración para as conexións entre Galicia e a Meseta, pola que seguen circulando convois da terceira xeración.

TRANSPORTE MARÍTIMO NA RÍA DE VIGO

O voceiro de Transportes do Grupo Popular fíxose eco, ao mesmo tempo, do malestar que reina entre os usuarios habituais do transporte marítimo na Ría de Vigo, que acusan á Xunta de botar abaixo este servizo, como o demostra o feito de que tan só entre xuño e decembro de 2006 teña perdido 120.000 viaxeiros.

O deputado pediu á conselleira que explique as características do plan de liberalización do transporte na Ría (á que está obrigada por un mandato da Comisión Europea) que deberá poñer en marcha, como moi tarde, despois deste verán, a cal vai ser a política tarifaria deste servizo para que poda competir con outros medios de transporte.

SEN MODELO PARA AS AUTOESTRADAS DO MAR

Gómez Alonso tamén instou á conselleira de Política Territorial a que defina a postura da Xunta en relación coa configuración das liñas marítimas que deberán aspirar, este mesmo verán, a configurar as futuras autoestradas do mar. Galicia continúa sen un modelo definido, con portos que compiten entre si e tamén cos de Xixón e Bilbao.

1 comentario:

Jorge Cubela dijo...

Estimado Alejandro:
Quiero decirte que sigo tu devenir político porque eres de un pueblo del que tengo mucho conocimiento como es Soutelo de Montes y me encanta la personalidad de vuestro alcalde, David Raposeiras; yo soy de Sxurxo de sacos-Cotobade y soy miembro de NNXX de Pontevedra. El noitebús es una carencia palpable, hoy es sábado y mis amigos y yo aún no sabemos si tan siquiera está en funcionamiento el que va para Portonovo. Una de las hipocresías de este servicio comenzó ya con el horario de servicio que pusieron, un sábado del verano pasado como era conocido que se publicitaba que había uno a las 5 de la mñana yo esperé tras salir en Pontevedra ese autobús el cual no pasó y así muchos otros días, darte las gracias por preocuparte de un tema tan vital para la juventud.