jueves, 9 de agosto de 2007

Gómez Alonso fixo balance do estado actual no que se atopan as infraestruturas galegas


DOUS ANOS DESPOIS DE CHEGAR AO PODER O BIPARTITO TEN PENDENTE O 99% DO SEU ACORDO EN MATERIA DE INFRAESTRUTURAS

A FALLA DE PLANIFICACIÓN E DE XESTIÓN DA CONSELLERÍA ESTÁ A PROVOCAR RETRASOS DE ATA 4 ANOS NOS PRAZOS DE REMATE DOS PROXECTOS ESTRATÉXICOS

• Máis de 15 obras esencias para a vertebración territorial de Galicia, e que suman un total de 300 quilómetros, non estarán rematadas ata 2012-2014

• Comparativamente, a mediados de 2005, baixo o goberno do PP 297kms de vías de alta capacidade estaban licitados, en obras ou pendentes de adxudicación

• Cando remate a lexislatura, o único que haberá en servizo serán 71 quilómetros de vías de alta capacidade dos proxectos que o PP deixou licitados ou en obras no ano 2005 e ningún quilómetro impulsado polo Bipartito

• Nestes 24 meses de Bigoberno o 72% das obras inauguradas ou postas en servizo tan só foron actuacións de acondicionamento e reformas de firme nas estradas galegas

• Pese a gastarse máis de 5 millóns de euros en estudios, aínda se descoñece o contido e obxectivos do Plan de Infraestruturas de Transporte para Galicia (PITGAL)

Dous anos despois da chegada ao poder do Bipartito, o 99% do seu acordo programático en materia de Infraestruturas continúa pendente. Así o puxo de manifesto hoxe, en rolda de prensa, o voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Gómez Alonso.

Alonso, que fixo balance do estado actual no que se atopan as infraestruturas galegas desde que o Bipartito goberna a Xunta, asegurou que ‘a falla de concreción de propostas e a ausencia de contido real fan que daquel acordo asinado polo PSdeG e polo BNG non quede nada, de xeito que das 80 accións programadas, 74 están completamente esquecidas e 6 a medio facer’.

FALLA DE PLANIFICACIÓN E DE XESTIÓN

Desde o punto de vista da vertebración e cohesión territorial, o voceiro popular afirmou que a falla de planificación e de xestión política da consellería de Obras Públicas está a provocar un retraso medio de entre 3 e 4 anos sobre os prazos de remate das grandes infraestruturas.

Amais, asegurou que cando estamos no ecuador da lexislatura e pese a gastarse a Consellería máis de 5 millóns de euros en estudios, aínda se descoñece o contido e obxectivos do Plan de Infraestruturas de Transporte para Galicia (PITGAL), e máis dunha terceira parte do vixente orzamento está adicado a partidas xenéricas.

RETRASOS NOS PROXECTOS ESTRATÉXICOS

Como consecuencia desta parálise, o voceiro popular afirmou que máis de 15 obras consideradas esenciais para a vertebración territorial de Galicia, e que suman entre estradas e vías de alta capacidade un total de 300 quilómetros, non estarán rematadas ata 2012-2014.

‘Infraestruturas tan importantes como a Vía Ártabra –dixo-, ou as Vías de Alta Capacidade como son Tui-A Guarda, Sarria-Monforte, Ferrol-San Cibrao e Marín-Pontevedra, xunto con outros proxectos como a Autovía Pontevedra-Vilagarcía, a Variante de Carballo e a de Noia ou a estrada que unirá Becerreá con Navia de Suarna non estarán rematadas ata 2012-2014’.


EXEMPLOS OBRAS PENDENTES

Obras Previsión orzamentaria CPTOT ano 2010 e seguintes:

Autovía Sarria-Monforte 1ª fase 65 millóns de euros
Vac Tui-A Guarda 72 millóns de euros
Vía Ártabra 85 millóns de euros
Acceso Porto de Brens 48 millóns de euros
Variante Carballo 5 millóns de euros
Vac Brión- Noia 24 millóns de euros
Vac Noia 26 millóns de euros
Estrada Quiroga-Folgoso 1,8 millóns de euros
Vac Ferrol-San Cibrao 86,5 millóns de euros
Autovía Pontevedra-Vilagarcía 47 millóns de euros


0 KM DE VACs EN SERVIZO IMPULSADOS POLO BIPARTITO
Diante deste panorama, Alonso afirmou que ao remate desta lexislatura non haberá un só quilómetro de vías de alta capacidade en servizo de proxectos impulsados polo Bipartito.

‘O único que haberá en servizo –dixo- serán 71 quilómetros de vías de alta capacidade dos proxectos que o Partido Popular deixou licitados ou en obras no ano 2005’.

VACs EN SERVIZO NO 2008 IMPULSADAS POLO PARTIDO POPULAR

Obra Quilómetros Investimento Situación no 2005

Autoestrada
Alto de Santo Domingo- Ourense 30km 194 millóns € licitada

Autovía do Salnés 17,1Km 44,4 millóns € adxudicada

Autovía Santiago –Brión 16km 114 millóns € Pendente de adxudicación

Autovía Santiago -Pontevea 8km 40 millóns € en obras 1ª fase


Comparativamente, o voceiro popular lembrou que a mediados de 2005, e baixo o goberno do PP, 297kms de vías de alta capacidade estaban ou ben licitados, ben en obras ou ben pendentes de adxudicación, e a previsión era de que se iniciasen as obras en máis de 233.3kms.

Asemade, destacou que nestes 24 meses de Bigoberno o 72% das obras inauguradas ou postas en servizo foron actuacións de acondicionamento e reformas de firme nas estradas galegas e o 28% restante son actuacións que co cambio de goberno estaban nun avanzado estado de execución das obras, como é o caso do Corredor do Morrazo -cun investimento de 70 millóns de euros- ou a variante de Negreira -con 10,44M€-. ‘Esto é todo o que fixo a conselleira en todo este tempo’, sentenciou.

PERDA DE PESO DA CONSELLERÍA

Por último, ao alto grao de incumprimento hai que engadir, segundo Alonso, a importante perda de peso da Consellería tanto a nivel autonómico como a nivel estatal.

Para voceiro popular, o feito de que todos os anuncios en materia de infraestruturas os faga o presidente da Xunta e que os orzamentos neste eido tan so medraran un 10.9% -fronte o 29% do último orzamento para obras públicas do PP- son mostra suficiente do pouco peso que a conselleira, María José Caride, ten no Bipartito.

A falla de peso político nótase tamén a nivel do Goberno central, onde a Xunta ten que financiar actuacións que debería de pagar o Estado, como ocorre no caso das obras de acceso a Plisan ou co treito Cabreiros-Vilalba da autovía Ferrol-Vilalba.

No hay comentarios: