O PPDEG INSTA AO BNG A QUE APOIE AS INICIATIVAS DOS POPULARES EN MATERIA DE PEAXES E NA TRANSFERENCIA DAS AUTOESTRADAS AP-9 E AP-53
Gómez Alonso pide ao Bloque Nacionalista Galego que se deixe de ‘tanto criticar’ e pase a acción apoiando as iniciativas que neste eido está a presentar o Partido Popular
OS COMPROMISOS ADQUIRIDOS POLO GOBERNO CENTRAL CON ASTURIAS CONTRASTAN CO SEU DESINTERÉS EN A FONSAGRADA POR GALICIA.
• O voceiro de Infraestruturas lembra ao BNG que ten unha oportunidade de demostrar se quere autogoberno reclamando xunto ao Grupo Popular a transferencia da titularidade das AP-9 e AP-53, tal e como xa propuxo no Parlamento o PPdeG.
• Os anuncios que en materia de infraestruturas fixo o presidente do Goberno logo da súa reunión co presidente do Principado, deixan ao descuberto o nulo interés que pola contra amosa Zapatero pola nosa comunidade.
O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, instou hoxe ao BNG a que apoie as iniciativas dos populares en materia de peaxes e na transferencia das autoestradas AP-9 e AP-53.
O voceiro popular pediu así ao Bloque Nacionalista Galego que se deixe de ‘tanto criticar’ e pase a acción apoiando as iniciativas que neste eido está a presentar o Partido Popular.
Neste sentido, Gómez Alonso lembrou que o BNG rexeitou unha Proposición non de Lei presentada polo PPdeG na que se pedía á Xunta de Galicia que reclamase ao Goberno Central a rebaixa dun 25% das tarifas da peaxe da AP-53 para este ano 2007.
Na iniciativa alegábase que os prezos da peaxe da AP-53 vénse agravados pola circunstancia de que esta autoestrada, a diferencia de outras vías de alta capacidade de España, non goza de ningunha medida de bonificación, e que estas elevadas tarifas non constitúen, amais, un problema exclusivo para os veciños da comarca do Deza, senón que afecta a todos os habitantes do eixo central Santiago-Ourense.
DESCONTOS NOUTRAS COMUNIDADES
Para Gómez Alonso, comparativamente con outras Comunidades o agravio é claro, xa que mentres o Ministerio de Fomento ofrece para os usuarios da AP-41 descontos do 50%, tarifas especiais reducidas en fins de semana e servizo gratuíto nos días laborables en horario nocturno de 01:00hs a 05:00hs, os galegos, como cidadáns de segunda, teñen que pargar unha das peaxes máis caras.
O voceiro popular referiuse tamén ao anuncio feito, esta semana, polo presidente do Goberno central de rebaixar a única peaxe que ten a Comunidade asturiana, a AP-66 a León.
ANUNCIOS EN ASTURIAS E DESINTERÉS EN A FONSAGRADA
Neste sentido, Alonso asegurou que os compromisos que o presidente do Goberno central adquiriu con Asturias durante a súa estancia vacacional nesta comunidade, contrastan descaradamente co desinterés que fai unha semana, en A Fonsagrada, mostrou por Galicia, Rodríguez Zapatero.
Para o voceiro popular, os anuncios que en materia de infraestruturas fixo o presidente do Goberno logo da súa reunión co presidente do Principado, deixan ao descuberto unha vez máis o nulo interés que pola contra amosa Zapatero pola nosa comunidade.
Así, Gómez Alonso afirmou que ‘mentres o presidente do Goberno volveu a marcharse de Galicia sen concretar datas, prazos e compromisos investidores para as grandes infraestruturas que necesita a Comunidade, vemos como si se compromete con outras comunidades’.
O voceiro popular lamenta esta situación e o ‘desprezo ao que nos ten acostumados o Goberno central, que está a convertir esta lexislatura nunha lexislatura perdida para a nosa Comunidade’. Pero máis aínda, lamenta a complacencia do presidente da Xunta, que lonxe de defender os intereses dos galegos, estase a converter, co seu silencio, no mellor cómplice que pode ter o Goberno central.
Alonso lembra que mentres Asturias adquire novos compromisos e outras comunidades como Cataluña xa saben cando chegará o AVE de forma definitiva, en Galicia seguimos sen saber tan siquera cándo empezarán as obras.
Asimesmo, recordou tamén que o Executivo central non iniciou nin unha soa obra nova en Galicia, e só continuaron algunhas postas en marcha polo Partido Popular, sen ser capaces de cumplir nin un só dos prazos que estaban previstos para autovías ou infraestruturas viarias.
TRANSFERENCIA DA TITULARIDADE DA AP-9 E DA AP-53
No tocante á transferencia das autoestradas, o voceiro popular lembrou ao BNG que ten unha oportunidade de demostrar se quere autogoberno reclamando xunto ao Grupo Popular a transferencia da titularidade das AP-9 e AP-53, tal e como xa propuxo no Parlamento o PPdeG.
‘Con esta medida, -dixo- o Executivo galego podería tratar directamente o axuste das peaxes coas concesionarias e a súa flexibilización’.
No hay comentarios:
Publicar un comentario