miércoles, 29 de agosto de 2007

O PPDEG RECLAMA A POSTA EN MARCHA DOS TRENS DE CERCANÍAS ENTRE PORRIÑO-VIGO-PONTEVEDRA, A CORUÑA-FERROL E OURENSE-CARBALLIÑO



GALICIA É A ÚNICA COMUNIDADE DO LITORAL QUE CARECE DESTE SERVIZO

Gómez Alonso reclama un convenio con ADIF e RENFE-Operadora para mellorar a rede ferroviaria convencional da nosa Comunidade e os servizos de longa distancia.

• O tren de cercanías entre Vigo e Pontevedra podería chegar a supoñer a reducción do 50% dos vehículos que diariamente cruzan a Ponte de Rande.

• A Xunta continúa sen levar a cabo ningún dos dous compromisos adquiridos no acordo de Goberno do Bipartito, no tocante ao fomento do transporte público: un plan de transporte público de cercanías nas áreas metropolitanas e o billete único de transporte intermodal das áreas urbanas e metropolitanas.

• Alonso subliña a necesidade de aprobar unha lei de fomento do transporte público para definir o modelo de xestión de servizos metropolitanos, asegurar o equilibrio concesional e dotar de contido o transporte rural e comarcal.

O voceiro de infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, reclamou hoxe, en rolda de prensa, un convenio con ADIF e RENFE-Operadora para mellorar a rede ferroviaria convencional da nosa Comunidade e os servizos de longa distancia.

Neste sentido, o voceiro popular instou á Xunta a que reclame do Goberno central a implantación inmediata dos trens de cercanías entre Porriño-Vigo-Pontevedra, A Coruña-Ferrol e Ourense-Carballiño, ‘xa que de seguir así, -asegurou- Galicia vai ser, ao remate deste ano, a única comunidade autónoma do litoral que careza deste servizo’.


REDUCCIÓN DO USO DE VEHíCULOS
Gómez Alonso asegurou que a posta en marcha destes trens de cercanías suporía unha importante ferramenta para reducir o colapso viario que sufren as principais cidades galegas.

Neste sentido, aseverou que o tren de cercanías entre Vigo e Pontevedra podería chegar a supoñer a reducción do 50% dos vehículos que diariamente cruzan a Ponte de Rande e absorbería a metade do incremento de viaxeiros nos vindeiros dous anos.

Amais desta iniciativa, o voceiro popular reclamou co obxecto de mellorar a rede ferroviaria convencional a construcción do By-Pass en Betanzos-Infesta, para que a comunicación entre A Coruña e Ferrol sexa directa; e un plan de mellora da conexión ferroviaria da comarca de Valedorras co resto Galicia.

Asimesmo, reclamou estudiar as posibilidades de conexións ferroviarias electrificadas na liña Vigo-Ourense-Monforte-Ponferrada-León, que coa posta en servizo dos Talgos S-130 podería optimizar a rede convencional co itinerario de alta velociade Valladolid-Madrid, que comezará a funcionar en 2008.

TALGOS DE SÉTIMA XERACIÓN
Entre as medidas para a mellora de servizos de longa distancia, Alonso destacou a necesidade da posta en servizo dos Talgos serie VII-Altaria, fronte aos talgos de terceira que aíonda circulan pola nosa comunidade; a dotación de novo material de Tren-Hotel (TALGO) para as conexións nocturnas de todas as cidades de Galicia con Madrid, Euskadi e Cataluña; e a implantación do servizo diurno Santiago-Barcelona.

Medidas mellora de servizos de longa distancia

• A posta en servizo dos Talgos serie VII-Altaria, fronte aos talgos de terceira que aínda circulan pola nosa comunidade

• A dotación de novo material de Tren-Hotel (TALGO) para as conexións nocturnas de todas as cidades de Galicia con Madrid-Euskadi e Cataluña

• Implantación do servizo diurno Santiago-Barcelona

Medidas mellora Rede Ferroviaria convencional

• Posta en servizo do tren de cercanías entre Vigo e Pontevedra e A Coruña e Ferrol

• Construcción do By-Pass en Betanzos-Infesta, para que a comunicación entre A Coruña e Ferrol sexa directa

• Plan de mellora da conexión ferroviaria da comarca de Valedorras co resto Galicia

• Estudiar as posibilidades de conexións ferroviarias electrificadas na liña Vigo-Ourense-Monforte-Ponferrada-León, que coa posta en servizo dos Talgos S-130 podería optimizar a rede convencional co itinerario de alta velociade Valladolid-Madrid, que comezará a funcionar en 2008

O voceiro de Infraestruturas quixo poñer de manifesto así as eivas do último convenio asinado entre a Xunta e RENFE para a prestación de servizos ferroviarios, un convenio que, segundo afirmou, está moi lonxe de arranxar as pontencialidades e necesidades ferroviarias da nosa comunidade.

SEN LEI DE FOMENTO DO TRANSPORTE PÚBLICO COLECTIVO
Asimesmo, Gómez Alonso subliñou a necesidade de que antes de rematar o ano se aprobe a lei de fomento do transporte público para definir o modelo de xestión de servizos metropolitanos, asegurar o equilibrio concesional e dotar de contido o transporte rural e comarcal.

‘O único que coñecemos ata agora –afirmou- é un anteproxecto de lei intervencionaista, que foi criticado polos transportistas e que deixou malestar pola inseguridade que provacaba nos actuais operadores pola discrecionalidade nas adxudicacións e porque deixaba fora ao sector’.

SEN RONDA DE PONTEVEDRA E O TERCEIRO CARRIL DA AP-9 EN SANTIAGO
Para o voceiro popular é a Xunta a que coa súa inoperatividade e incompetencia está a ser o motor do colapso viario en Galicia, ‘xa que só así –dixo- se pode entender como Fomento financiou en toda España 125Km de circunvalacións e cinturóns por un importe superior aos 633 millóns de euros, e dexiou fóra actuacións tan importantes como a Ronda de Pontevedra ou o Terceiro carril da AP-9 en Santiago’.

NINGUNHA PROMESA CUMPLIDA
Diante desta situación, Gómez Alonso denunciou que, cando estamos no paso do ecuador desta lexislatura, a Xunta continúa sen poñer en marcha ningún dos dous compromisos adquiridos no acordo de Goberno do Bipartito, no tocante ao fomento do transporte público: a elaboración dun plan de transporte público de cercanías nas áreas metropolitanas e o billete único de transporte intermodal das áreas urbanas e metropolitanas.

Fronte a este escenario de inoperatividade, o voceiro popular destacou o esforzo propagandístico da Consellería que dirixe María José Caride, que se empeña en cubrir con páxinas publicitarias o baleiro que caracterizou a xestión dese departamento nos dous anos transcurridos desde o cambio de Goberno.

‘Primeiro –dixo- a conselleira fala do plan de transportes de Galicia, que cun orzamento de licitación de 850.000€ pretendía definir as políticas de movilidade e a competitividade e viabiliadade das empresas do sector; meses despois volta a anunciar a creación doutro plan, pero este chamado estratéxico loxístico. E despois de pagar páxinas completas e especiais de política territorial nos xornais, nada se sabe destes plans’.

FRACASO DO NOITEBÚS
Por último, Alonso referiuse ao fracaso do Noitebús como outro exemplo máis da deixadez e inoperatividade da consellería de Política Territorial, que o único que fixo neste asunto foi delegar toda a responsabilidade aos concellos, que na súa maior parte carecen de competencias, información e infraestruturas para coordinalo.

No hay comentarios: