viernes, 14 de septiembre de 2007

NUN DOS ANOS CON MÁIS ACCIDENTES, POLÍTICA TERRITORIAL DEIXA DE GASTAR 9,4 MILLÓNS DE EUROS NA MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA DE GALICIA




Gómez Alonso subliña que a totalidade das actuacións inauguradas nesta lexislatura en estradas ou vías de alta capacidade foron licitadas polo anterior Executivo do PPdeG, mentres que o bipartito segue sen ser capaz de poñer en servizo un só quilómetro de trazado de obra nova licitada nesta lexislatura.

• O PPdeG atribúe a comparecencia de Caride sobre vías de alta capacidade a un intento de ocultar o fracaso do seu plan de Seguridade Vial.

• Nove de cada dez obras públicas que están en execución na actualidade foron impulsadas polo PPdeG.

• O Grupo Popular denuncia que, superado o ecuador da Lexislatura, Política Territorial segue funcionando a ralentí, o que explica os retrasos que presentan as actuacións en máis de 300 quilómetros de estradas e vías de alta capacidade, que entrarán en servizo con demoras medias de entre 2 e 4 anos.

Nun dos exercicios con máis accidentes de tráfico dos últimos anos, a Consellería de Política Territorial deixa de gastar 9,4 millóns de euros do seu orzamento en accións de mellora da seguridade viaria. Cando aínda restaban catro meses para o peche do exercicio presupostario de 2007, o Consello da Xunta do pasado 6 de setembro autorizou a transferencia desa partida de 9.418.000 euros asignados inicialmente a Política Territorial e que finalmente non serán administrados por ese departamento.

Alejandro Gómez Alonso, voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, esgrimiu estes datos no Pleno do Parlamento de hoxe, ao responder a unha comparecencia da titular de Política Territorial para explicar a súa xestión en materia de vías de alta capacidade. Os populares galegos interpretan que, con esta comparecencia, Caride pretende evitar que se fale do fracaso do seu plan de seguridade vial, dadas as elevadas cifras de sinistralidade nas estradas galegas este verán.

Por iso, Gómez Alonso anunciou que o PPdeG solicitará, de novo, a creación dunha Comisión de Seguridade Vial no Parlamento de Galicia.

Respecto a comparecencia da conselleira, Gómez Alonso explicou que, máis de dous anos despois do cambio de Goberno, Política Territorial continúa funcionando a ralentí, sen racionalidade nin eficiencia, o que explica que o 88,96% dos quilómetros de estradas e vías de alta capacidade que están en obras neste momento foran licitados polo anterior Goberno do PPdeG ou que continúa sen ser posto en servizo un só quilómetro de vías novas licitadas polo bipartito.

POLÍTICA TERRITORIAL PERDE PESO POLÍTICO

O deputado popular explicou que a diminución do peso de Política Territorial na política presupostaria da Xunta, o baixo ritmo investidor da Consellería e a súa escasa execución presupostaria se traducen nun progresivo descenso da licitación de obra pública, que en 2006 foi un 18,3% inferior á de 2005.

Estes datos explican que o 72% das obras inauguradas ou postas en servizo nestes dous anos de Executivo bipartito sexan exclusivamente actuacións de acondicionamento e reforma do firme das estradas galegas, mentres que o 28% restante das intervencións postas en servizo en estradas ou vías de alta capacidade xa se atopaban nun avanzado estado de execución cando se produciu o cambio de Goberno, como o corredor do Morrazo ou a variante de Negreira.

RETRASOS EN 300 QUILÓMETROS

Como consecuencia da falta de impulso do actual Goberno, Gómez Alonso concluíu que, a día de hoxe, máis de 15 proxectos construtivos e 300 quilómetros de estradas e vías de alta capacidade presentan retrasos significativos. Iso implicará que esas actuacións entrarán en funcionamento cunha demora media de entre 2 e 4 anos, segundo os casos.

No hay comentarios: