viernes, 14 de septiembre de 2007

O PPdeG DENUNCIA NO PARLAMENTO QUE A XUNTA INICIA O TERCEIRO ANO DA LEXISLATURA SEN SER CAPAZ DE ARRANXAR O COLAPSO VIARIO QUE AFECTA A VIGO



Gómez Alonso chama a atención sobre o comportamento autoritario e prepotente da conselleira de Política Territorial, por negarse a recibir aos colectivos afectados polos novos viais proxectados para a área sur da provincia de Pontevedra.

• Malia que veciños e concellos solicitan a gratuidade do tramo Puxeiros-Porriño da AP-9 para desconxestionar o tráfico, “a Xunta administra a política de peaxes como se fose unha lotería que tan só responde aos intereses de Touriño”.

• O director xeral de Obras Públicas confirma que a Xunta apoia a construción da autovía Vigo-Porriño, que a conselleira non vai recibir aos afectados e que tampouco vai eliminar a peaxe.

A pesar de que o Executivo bipartito está xa inmerso no seu terceiro ano de mandato, a Xunta continúa sen ser capaz de elaborar un plan de obras que solucionen o colapso viario que sofre a cidade de Vigo e que ameaza con agravarse a curto prazo, segundo ten recoñecido a propia Administración. Son palabras do voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular de Galicia, Alejandro Gómez Alonso, que esta mañá se interesou no Parlamento polo retraso que acumula o Plan Sectorial para mellorar as dotacións viarias da cidade olívica e a súa área de influencia, anunciado xa a finais de 2006 polo Executivo autonómico.

Gómez Alonso denunciou na Comisión de Ordenación Territorial e Obras Públicas do Parlamento o carácter autoritario e prepotente da conselleira María José Caride que, pese a levar xa máis de dous ano nese cargo, se continúa negando a recibir e a reunirse cos colectivos veciñais afectados polo trazado das novas vías que consideran lesivas, como a variante de Redondela ou a variante da autovía Vigo-Porriño, que xerou unha enorme contestación social e institucional en Mos e Porriño. Tampouco o presidente da Xunta se ten amosado disposto a dialogar cos afectados, malia que xa levan reunido máis de 11.000 sinaturas de apoio ás demandas veciñais.

MORATO INSISTE NA INTRANSIXENCIA DA XUNTA

De feito, ao responder á pregunta formulada polo PPdeG, o director xeral de Obras Públicas, Manuel Morato, reiterou que a Xunta apoia a construción da autovía Vigo-Porriño, que a conselleira non vai recibir aos afectados e que tampouco contempla a posibilidade de suprimir a peaxe da AP-9 nese tramo concreto.

Os veciños afectados e mailos concellos de Mos e Porriño, por unanimidade das respectivas corporacións, solicitaron a paralización dun trazado que consideran lesivo e propuxeron, como alternativa, liberalizar de peaxe a autoestrada AP-9 no tramo comprendido entre Vigo e Porriño.

A XUNTA CONFUNDE PEAXES CON LOTERÍA

A negativa da Xunta tomar en consideración a proposta de liberalización –que conta con antecedentes noutros puntos desa autoestrada- levou a Gómez Alonso a sinalar que “a Xunta administra a política de peaxes como se fose unha administración de lotería, pero cunha diferenza: a lotería é democrática, pero a política de peaxes da Xunta non o é porque tan só responde aos caprichos de Pérez Touriño”.

NOVA OFENSIVA PARLAMENTARIA

Unha vez constatada a ausencia de interese da Xunta por dar solucións aos problemas de tráfico rodado nos accesos de Vigo e as áreas xeográficas próximas, o voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular anunciou que a súa formación trasladará á Cámara galega unha proposición non de lei para reclamar a anulación do estudo informativo correspondente á variante do trazado da autovía Vigo-Porriño; solicitar a construción de interconexións entre a A-52, a A-55 e a futura A-57 (Pontevedra-Confurco); e propoñer formalmente a supresión da peaxe no tramo Vigo-Porriño da AP-9.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Solicitar a construción de interconexións entre a A-52, a A-55 e a futura A-57 (Pontevedra-Confurco); e propoñer formalmente a supresión da peaxe no tramo Vigo-Porriño da AP-9.

Ya era hora de que alguien dijese lo que llevo repetido infinidad de veces. Primero que hagan todo esto y después, veremos si realmente hace falta esa nueva autovía.

Con los vecinos no hablan porque saben que lo que van a hacer no tiene ni pies ni cabeza, ¿qué nos pueden decir para convencernos? ¿tiene sentido esta infraestructura?
Viva esta democracia que nos toca vivir!

El tiempo acaba poniendo a cada uno en su sitio.

Un saludo desde Mos