lunes, 5 de noviembre de 2007

O PPdeG PIDE PEAXES EQUITATIVAS PARA O CONXUNTO DAS AUTOESTRADAS GALEGAS E CUESTIONA QUE TOURIÑO AS XESTIONE EN FUNCIÓN DO INTERESE ELECTORAL DO PSOE



Os populares galegos “rexeitamos que, en materia de peaxes, uns cidadáns sexan considerados de primeira e outros de segunda”
Recordan que aínda que o Parlamento aprobou hai seis meses unha iniciativa reclamando a rebaixa das peaxes das autoestradas do Val Miñor e A Coruña-Carballo, a Xunta aínda non fixo nada

“O presidente da Xunta administra a política de peaxes como se fose unha lotería, pero coa diferenza de que na lotería os premiados se elixen por sorteo, e no caso das peaxes os beneficiarios son elixidos en función do interese electoral do PSOE”. Son declaracións do voceiro de infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, esta tarde, na Comisión de Política Territorial do Parlamento, onde volveu reclamar á Xunta que estableza peaxes máis equitativas para o conxunto das autoestradas da Comunidade Autónoma.

“Avogamos por unha política de peaxes igualitaria e accesible en todas as autoestradas galegas para evitar que, en materia de peaxes, haxa cidadáns de primeira e de segunda categoría”, aseverou o deputado Gómez Alonso.

A proposta do PPdeG reclamaba rebaixar a peaxe da autoestrada AP-53, que enlaza Santiago con Lalín, nun 25%, o que permitiría rebaixar o custo da peaxe dos actuais 0,11 euros/quilómetros ata os 0,8 €/km. Esta rebaixa permitiría que o percorrido de 41,9 quilómetros entre Santiago e Lalín pasara de custar os 4,8 euros actuais para vehículos lixeiros a 3,6 €. “É unha rebaixa razoable a asumible, e equipararía o custe desta peaxe á media das existentes nas restantes autoestradas galegas”, agregou o deputado popular.

A proposición non de lei do PPdeG recibiu os votos favorables dos deputados do PSOE e do BNG logo de que Gómez Alonso admitise unha emenda conxunta na que os socios do bipartito propoñían tamén que Xunta e Goberno central inicien, canto antes, un proceso negociador coa empresa concesionaria encamiñado a materializar a redución das tarifas.

Gómez Alonso recordou que o Goberno bipartito adoita ignorar os mandatos da Cámara autonómica. Puxo como exemplo que aínda que o Parlamento aprobou hai seis meses unha iniciativa reclamando a rebaixa das peaxes das autoestradas do Val Miñor e A Coruña-Carballo, a Xunta aínda non fixo nada


A PEAXE MÁIS ELAVADA DE ESPAÑA

Gomez Alonso baseou a demanda formulada hoxe no feito de que a AP-53 soporta as peaxes máis elevadas de España (aumentou un 38% nos últimos tres anos, coincidindo co Goberno do PSOE en Madrid) e na elevada contestación social destas tarifas, ata o punto de estar constituída unha comisión respaldada por acordos unánimes dos concellos de Lalín, Silleda, Vedra, A Estrada, e Boqueixón; das deputacións de Pontevedra e Ourense, da Confederación de Empresarios de Galicia e do sindicato CIG, entre outras entidades.

Sen embargo, e fronte a ese elevado respaldo social, a Comisión que reclama a redución da peaxe está a ser tratada con “desprezo e indiferencia” desde o Ministerio de Fomento e a Presidencia da Xunta, que continúan sen atender as peticións entrevista cursadas no seu momento.

Neste escenario, Gómez Alonso tamén cuestionou a actitude da conselleira de Política Territorial, que deixa pasar o tempo sen materializar ningún dos compromisos adquiridos para tratar de encauzar este problema, a pesar de que desde a súa toma de posesión, en 2005, se sucederon os anuncios nesta liña.

No hay comentarios: