PSOE E BNG REXEITAN APOIAR NO PARLAMENTO A POSTA EN MARCHA DE SERVIZOS DE CERCANÍAS EN GALICIA
O Partido Popular presentou emendas por valor de 15 millóns de euros no trámite parlamentario dos Orzamentos do Estado no Congreso para conseguir a implantación das cercanías ferroviarias en Galicia
Gómez Alonso, voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, defende unha proposición non de lei para poñer en marcha liñas ferroviarias de cercanías nos eixes Porriño-Vigo-Pontevedra, A Coruña-Betanzos-Ferrol e O Carballiño-Ourense-Taboadela
A redución dos accidentes de tráfico derivada da posta en marcha dos trens de cercanías permite recuperar a terceira parte dos investimentos necesarios para poñer en marcha o servizo
O PPdeG convidou hoxe no Parlamento a socialistas e nacionalistas a sumarse a unha fronte común para evitar que Galicia continúe a ser a única Comunidade Autónoma do litoral que nin dispón de tren de cercanías, nin conta con orzamento algún para habilitar liñas deste tipo a curto ou medio prazo. Alejandro Gómez Alonso, voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, formulou a proposta esta mañá no Parlamento, ao defender unha proposición non de lei para instar á Xunta a poñer en marcha, de acordo co Ministerio de Fomento, liñas ferroviarias de cercanías nos eixes O Porriño-Vigo-Pontevedra, A Coruña-Cambre-Betanzos-Ferrol e O Carballiño-Ourense-Taboadela.
De feito, o Partido Popular presentou emendas por valor de 15 millóns de euros no trámite parlamentario dos Orzamentos do Estado para 2008 para conseguir a implantación das cercanías ferroviarias na Comunidade Autónoma no próximo exercicio.
No terceiro dos casos, O Carballiño-Ourense-Taboadela, a implantación podería ser inmediata, dada a existencia de dobre vía, mentres que nos dous casos restantes serían necesarias obras de acondicionamento relativamente sinxelas.
PSOE E BNG DESAUTORIZAN A CARIDE
Socialistas e nacionalistas eludiron apoiar a proposta formulada por Gómez Alonso, o que levou ao deputado popular a interpretar que os reiterados anuncios da conselleira Caride, de que 2008 vai ser o ano do transporte en Galicia non son máis ca cortinas de fume, sen sustento algún, como evidencia a ausencia de dotación económica algunha nos orzamentos da Xunta para promover a implantación de servizos ferroviarios de cercanías.
VANTAXES DAS CERCANÍAS
O deputado popular argumentou que a posta en marcha dos servizos ferroviarios de cercanías poderían prestar servizo a un mínimo de 630.000 potenciais usuarios galegos, que se poderían beneficiar das vantaxes recoñecidas do ferrocarril: eficiencia enerxética, escaso impacto ambiental e redución considerable da conxestión viaria. De feito, un estudo sobre a sostenibilidade das cercanías, elaborado por Renfe, estima que a implantación deste servizo podería reducir polo menos nun 25% o número de usuarios cotiás dos vehículos particulares e reduciría a conxestión viaria en arredor dun 50%, un problema especialmente acuciante en cidades como Vigo ou A Coruña.
Ese mesmo estudo conclúe tamén que a terceira parte dos custos de implantación das cercanías ferroviarias se recuperan por mor da redución do número de accidentes de tráfico que se evitan ao descender o volume de vehículos en circulación.
Para implantar en Galicia os servizos de cercanías sería precisa a participación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) para a construción das liñas e demais instalacións necesarias, e de Renfe para a implantación dos servizos. Pola súa banda, a Xunta debería coordinar os transportes metropolitanos co ferrocarril, implantando un billete combinado, ademais de xestionar todos os servizos a través dun ente ferroviario galego.
Aínda que o Ministerio de Fomento ten previsto destinar 585 millóns de euros en 2008 para o tren de cercanías en diferentes puntos do Estado (tan só en Zaragoza investirá 74 M€ para a liña número 13), Galicia continúa sen contar con orzamentos específicos para infraestruturas ferroviarias e material rodante de proximidade. “A Galicia non lle toca unha soa moeda na lotería Madalena”, laiouse Gómez Alonso.
OUTRAS DEFICIENCIAS
Na súa intervención parlamentaria, Gómez Alonso tamén chamou a atención sobre as carencias que presentan en Galicia outros servizos ferroviarios. Lamentou que Xunta e Goberno central continúen sen tomar conciencia do perigo que supoñen os 244 pasos a nivel que continúan operativos en Galicia, e que teñen provocado máis de 12 mortos desde o ano 2000. A redución do número de prazas ofertadas e a deficiente calidade do material rodante nas liñas de longa distancia, súmase aos constantes cambios de horario nas rutas de media distancia, que obrigaron a moitos usuarios a volver utilizar os vehículos particulares e provocaron a presentación dun elevado volume de protestas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario