lunes, 3 de diciembre de 2007

O PPdeG PROPÓN DESTINAR O ORZAMENTO DA AUTOVÍA VIGO-PORRIÑO A CONSTRUIR O TERCEIRO CARRIL DE RANDE E SUPRIMIR A PEAXE DA AP-9 ENTRE AS DÚAS LOCALIDADE



De executar Fomento o proxecto de autovía entre Vigo e O Porriño, o 28% do territorio do Concello de Mos –afectado a día de hoxe por 8 grandes infraestruturas- quedará afectado por algunha obra pública
O PPdeG propón retomar o proxecto de Cascos para construír túneles na autovía actual para suprimir as curvas de Tameiga
Gómez Alonso convida a María José Caride que mude de actitude ante o risco de acabar sometida a unha reprobación parlamentaria, como lle ocorreu a Magdalena Álvarez


Santiago, 28 de novembro de 2007.- O PPdeG propuxo hoxe destinar os 167 millóns de euros que custarán as obras da nova autovía Vigo-Porriño a financiar a construción do terceiro carril da Ponte de Rande, que actualmente non conta con orzamento programado a pesar de que, ao ritmo actual, ese viaduto quedará colapsado no ano 2010

A proposta foi adiantada hoxe no Parlamento polo voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, e busca adiantar unha solución a ese previsible colapso, tendo en conta que a alternativa prevista –a futura autovía que enlazará Vigo con Pontevedra- non estará operativa, polo menos, ata o ano 2014, dado retraso que acumula o proxecto.

Paralelamente, o PPdeG considera necesario liberalizar a peaxe da autoestrada AP-9 no tramo comprendido entre Vigo e O Porriño, como xa reclamaran previamente os concellos de Vigo, Mos e O Porriño e pola Confederación de Empresarios de Pontevedra.

A proposta foi defendida por Gómez Alonso no Pleno da Cámara no debate dunha proposición non de lei na que o Grupo Popular tamén plantexou a construción de interconexións entre as distintas vías de alta capacidade existentes ou previstas no contorno de Vigo: A-52, AP-9, A-55 e a futura A-57 (Pontevedra-Confurco).

O PPdeG entende necesario anular o estudo informativo do Ministerio de Fomento sobre a futura autovía Vigo-Porriño, por Mos, debido a varias razóns: non enlaza coas infraestruturas viarias nin cos polígonos empresariais existentes ou proxectados nesa zona e non favorece a accesibilidade á cidade da Vigo, na medida en que introduce o tráfico no centro da cidade, obrigando a evacualo mediante futuros viais, cando o correcto sería distribuír ese fluxo mediante cintos radiais á entrada da urbe.

Paralelamente, de executarse a autovía por Mos, o 28% do territorio dese concello quedaría afectado por grandes infraestruturas, impedindo, na práctica, o desenvolvemento dese municipio. Na actualidade, o concello de Mos xa está afectado por 8 grandes obras públicas: autotovía Vigo-Porriño, xa obsoleta; estrada N-550; gasoductos de transporte e de distribución; vía férrea Redondela-Tui; ampliación do aeroporto de Peinador; oleoduto A Coruña-Vigo; e autoestrada AP-9, infrautilizada entre Puxeiros e O Porriño. Coa lexislación actual, o 22% do solo de Mos xa non é edificable.

PROPOSTA DE FUTURO

Como proposta de futuro, o Grupo Popular considera que a solución máis viable pasa por recuperar o proxecto que deixara ultimado o último ministro de Fomento do PP, Francisco Álvarez Cascos, consistente en modificar o trazado da actual autovía Vigo-Porriño, para aumentar a súa seguridade, suprimindo as curvas de Tameiga e substituíndoas por túneles.

Gómez Alonso recordou que a autovía Vigo-Porriño, inaugurada en 1993, estivo considerada, nos seus primeiros anos, ata que foi modificada, como a quinta autovía máis perigosa de Europa. O proxecto inicial foi elaborado cando o actual presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, era secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Obras Públicas. De feito, en determinados círculos, a autovía foi denominada como “Vigo-Touriño”, ironizando sobre as notables deficiencias dese trazado.

REPROBACIÓN

Nunha intervención na que cuestionou o somentemento da conselleira de Política Territorial aos ditados do Goberno central, Gómez Alonso recomentou a María José Caride que mude a súa actitude ante o risco de que poda acabar véndose sometida a unha moción de reprobación, como lle aconteceu onte a Magdalena Álvarez.

Como mostra do crecente malestar social respecto á xestión da conselleira de Política Territorial, o deputado popular recordou que as decisións adoptadas por María José Caride teñen provocado xa a aparición de 13 plataformas e movementos veciñais contrarios ás teses dese departamento autonómico.

No hay comentarios: