jueves, 27 de diciembre de 2007

POLÍTICA TERRITORIAL UTILIZOU POLITICAMENTE OS SOCAVÓNS DA VÍA DO SALNÉS PARA DESPRESTIXIAR A POLÍTICA E O PARLAMENTO



O PPdeG denuncia a actitude obstrucionista da conselleira de Política Territorial e dos grupos que apoian ao bipartito, que vetaron documentos e comparecencias fundamentais para coñecer mellor o sucedido

Acusa María José Caride de redactar e filtrar as conclusións da comisión de investigación desde a Consellería

Chama a atención sobre os efectos das escorrentías e dos cambios producidos na composición desa auga como consecuencia dos incendios que arrasaron os montes da comarca no verán anterior

Gómez Alonso reitera que todos os pagamentos das obras da vía rápida se efectuaron coa correspondente certificación de obra executada e a prezos de mercado

A conselleira de Política Territorial, María José Caride, utilizou os socavóns rexistrados na vía do Salnés para desprestixiar a política e ao propio Parlamento de Galicia. No debate do ditame da Comisión de investigación sobre as causas do deterioro da vía de alta capacidade do Salnés, o voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, acusou a Maria José Caride, de ter teledirixido a redacción das conclusións e filtrar o seu contido á marxe do Parlamento.

Do mesmo xeito, a Gómez Alonso responsabilizou á Xunta de incumprir de xeito manifesto as condicións esixidas no prego de prescricións técnicas do proxecto das obras de desdobramento para a construción da autovía, e que sinalaban expresamente que as obras deberían realizarse sen afectar ao tráfico da vía de alta capacidade.

A documentación analizada na Comisión tamén revela que a Xunta coñecía a existencia de métodos construtivos alternativos ao peche da vía rápida do Salnés, que foron desbotados pola conselleira. Pola contra, María José Caride tratou de desviar a atención sobre as molestias, custes económicos e riscos para a seguridade viaria derivados do peche, creando unha alarma social a raíz das fochancas aparecidas na estrada.

ESCORRENTÍAS E INCENDIOS

Neste sentido, Alejandro Gómez Alonso chamou a atención sobre os desperfetos causados nos taludes da vía polas augas de escorrentía (derivadas de precipitacións moi elevadas e a anulación da capacidade de absorción dos montes da zona, privados de cuberta vexetal polos incendios rexistrados no verán anterior) e sobre a degradación provocada nos tubaxes metálicas polo material arrastrado pola auga (restos dos incendios forestais, que disparan a capacidade corrosiva).

OBSTRUCIONISMO

Gómez Alonso insistiu en cuestionar a actitude obstrucionista amosada pola conselleira de Política Territorial e os grupos que apoian ao Goberno bipartito, que vetaron o acceso da Comisión de investigación a documentación esencial para coñecer o sucedido na vía do Salnés (expediente relativo aos controis de calidade dos materiais e resultados dos ensaios cos tubos de aceiro, entre outros) e mesmo obstaculizaron a comparecencia do que fora director da obra.

O deputado popular subliñou que as comparecencias rexistradas en sede parlamentaria acreditan que as empresas encargadas da execución da obra non recibiron presión algunha do entón conselleiro de Obras Públicas, Xosé Cuiña, nin de ningún outro responsable autonómico, para utilizar tubaxes de aceiro corrugado.

Tamén se puxo de manifesto que, cando se construíu a vía de alta capacidade do Salnés non existían no mercado tubo de formigón armado, do diámetro requirido, o que levou ás empresas construtoras a contactar cun proveedor de tubaxe de aceiro corrugado. En calquera caso, este produto superou os controis de calidade aos que foi sometido, ao igual que os restantes materiais empregados, nun laboratorio situado a pé de obra. Proba diso, é que a Xunta actual continúa utilizando ese tipo de tubos nas Obras Públicas, como a autovía Dozón-Ourense ou a variante de Negreira.

PAGAMENTOS ESCRUPULOSOS COON CERTIFICACIÓN PREVIA

Gómez Alonso amosouse tallante ao afirmar que toda a tramitación administrativa e contable se efectuou dun xeito escrupuloso. Como proba exhibiu un contrato de execución no que se estipula que as obras se desenvolverían con “estrita suxección” ao cadro de prezos que figuraba no proxecto aprobado pola Administración e de liquidacións nas que se certifica o material utilizado e o importe a aboar pola Xunta de acordo cos prezos de mercado dese momento.



Con estes elementos documentais, o voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular enfatizou que ningún pagamento se efectuou sen contar con esa certificación previa, o que converte en “materialmente imposible calquera desviación nos pagamentos, como chegaron a afirmar con mala fe os socios do Goberno bipartito para tratar de salvar unha responsabilidade certa de María Xosé Caride e o seu equipo”.

No hay comentarios: