PSOE E BNG REXEITAN UNHA PROPOSTA DO PPdeG QUE PERMITIRÍA A POSTA EN SERVIZO DA VÍA FERROL-SAN CIBRAO EN 2011
Os presupostos da Xunta para 2008 só consignan 3,7 millóns de euros para esta actuación, cando sería precisa unha cifra dez veces superior
Alcaldes do PPdeG das comarcas afectadas seguiron o debate desde a tribuna de invitados do hemiciclo
“A Mariña non existe para o Goberno bipartito”, denuncia Balseiro
Os grupos socialista e do BNG no Parlamento rexeitaron hoxe unha moción do PPdeG defendida polo deputado José Manuel Balseiro na que reclamaba unha dotación económica suficiente para os exercicios de 2008 e 2009 para que a vía de alta capacidade Ferrol-San Cibrao poda entrar en servizo no horizonte do ano 2011, como estaba previsto inicialmente, en lugar de demorar o remate dos traballos máis aló de 2015, como é a intención do Goberno bipartito.
Nun debate seguido desde a tribuna de convidados do hemiciclo por alcaldes populares das comarcas polas que debería discorrer a vía, Balseiro Orol pediu habilitar nos presupostos da Xunta de 2008 unha partida de 37,1 millóns de euros e outra de 58,8 M€ nos de 2009 para facer realidade nun prazo razoable “unha estrada que está chamada a converterse na vía de comunicación máis importante do litoral das provincias de Lugo e A Coruña que, tras tres orzamentos do bipartito, vai camiño de converterse nunha infraestrutura virtual”.
PRAZOS INASUMIBLES
Pola contra, os presupostos da Xunta para 2008 prevén tan só 3,7 millóns para esa vía, aos que se sumarán os 50.000 euros previstos polo Goberno central par ao tramo da súa competencia, entre San Cibrao e Barreiros. Neste sentido, “sendo moi optimistas, o corredor non entrará en servizo antes do ano 2016, unha data coa que resulta imposible sentirse satisfeito”.
Co nesta moción, o PPdeG limítase a reclamar que o Executivo galego manteña a programación presupostaria plurianual prevista no documento orzamentario de 2007, para facer realidade o compromiso adquirido pola conselleira de Política Territorial ante os alcaldes da comarca, cando anunciou que a nova estrada estaría operativa antes de 2011.
Para 2008, Política Territorial reduciu nun 90% a consignación prevista para esa obra (ao pasar de 37 a 3,7 M€), en nun 40% os cartos previstos para 2009 (de 58,8 millóns anunciado a 34 millóns contemplados no documento orzamentario plurianual).
Balseiro Orol recordou que o anterior Goberno galego do PPdeG deixou elaborados os proxectos construtivos do 57% do trazado desa vía que é de responsabilidade autonómica. Sen embargo, nos case tres anos que leva en exercicio das súas responsabilidades, o Executivo bipartito integrado por PSOE e BNG foi incapaz de iniciar un só tramo de obras, deixando sen executar a totalidade dos orzamentos previstos a tal efecto.
Os proxectos que se atopan en fase de elaboración seguen a mesma liña. Como exemplo, Balseiro recordou que en febreiro de 2005, Política Territorial licitou o deseño do trazado dos tres primeiros tramos do corredor, cun prazo de execución de ano e medio. A pesar dos 2 anos e 10 meses transcorridos desde entón, ningún dos estudios foi rematado.
RESPONSABILIDADE DOS SOCIOS DO BIPARTITO
“Se logo de case tres anos de responsabilidade do actual Goberno autonómico, o resultado son cero quilómetros do corredor Ferrol-San Cibrao, é obvio que socialistas e nacionalistas teñen toda a responsabilidade do que está a suceder”, argumentou Balseiro Orol. “A Mariña non existe para o Goberno bipartito”, aseverou o deputado.
Na moción defendida esta mañá no Parlamento, o deputado popular reclamou tamén que a Xunta “poña fin ao progresivo baleirado de servizos que está a afectar á Mariña Lucense logo da chegada do Goberno bipartito”. Por iso, esixiu “cesar a marxinación e a carencia de investimentos que caracteriza a xestión da Xunta de Galicia nos ámbitos sanitario, de servizos sociais, pesqueiro, de seguridade e de xustiza”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario