lunes, 21 de enero de 2008

ARRANXAR O COLAPSO VIARIO DE VIGO E A SÚA ÁREA METROPOLITANA REQUIRE UN INVESTIMENTO DE 1.000 MILLÓNS DE EUROS NOS PRÓXIMOS ANOS

O TRANSPORTE PÚBLICO LEVA DOUS ANOS E MEDIO EN “CAÍDA LIBRE” MENTRES OS ATASCOS SE SUCEDEN NAS CIDADES E A XUNTA SE LAVA AS MANS E CONSINTE QUE RENFE DESTINE A GALICIA O MATERIAL QUE DESBOTAN OUTRAS COMUNIDADES

Os deputados Gómez Alonso e López Chaves denuncian que a Xunta é incapaz de poñer en marcha o transporte metropolitano e amosa un absoluto desinterese polas cercanías ferroviarias, mentres o transporte marítimo a través da ría perdeu máis da metade dos usuarios

Cunha media de 60.000 vehículos diarios, o colapso de Rande ameaza con ir a máis, pese a que os técnicos consideran que calquera vía de alta capacidade perde a súa eficacia cando supera os 40.000 vehículos ao día

O PPdeG conclúe que a Xunta leva 30 meses anunciando en Vigo un plan de obras que ninguén coñece e o único que fixo ata o de agora foron maquetas,


Solucionar o colapso viario que presenta a cidade de Vigo e a súa área metropolitana require un investimento de 1.000 millóns de euros nos vindeiros anos, segundo desvelou hoxe o portavoz de Infraestructuras do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, nunha rolda de prensa na que compareceu acompañado polo deputado vigués Ignacio López-Chaves Castro.

O voceiro de Infraestructuras do Grupo Popular subliñou que os problemas de tráfico rodado se converteron nunha das principais fontes de preocupación dos cidadáns, na medida en que os atascos se suceden a cotío nas cidades por unha dobre causa: a falta de infraestructuras axeitadas e as carencias do transporte público.

O deputado popular recordou que a Xunta leva dous anos e medio de brazos cruzados mentres o transporte público está en “caída libre” en Galicia, sen habilitar medida algunha para promover o uso e mellorar a oferta dos medios de locomoción colectivos para reducir a utilización dos vehículos particulares. Nesta liña, o PPdeG tamén cuestiona a actitude da Xunta, por permitir que RENFE estea destinando a Galicia material rodante obsoleto que está a ser desbotado por outras comunidades. “A Galicia traen os restos que ninguén quere, coa compracencia da Xunta”, aseverou.

ACTUACIÓNS PENDENTES

A execución da autovía Vigo-Pontevedra, que precisa un investimento de 400 millóns de euros; a ampliación da Ponte de Rande, valorada en 200 millóns de euros; a conexión de Vigo coa rede de alta velocidade ferroviaria (Tui-Vigo e acceso Norte de Vigo, cun custe de 650 millóns de euros) e a implantación dun sistema viable e eficaz de transporte público, que inclúa servizos de cercanías ferroviarias, transporte metropolitano e transporte marítimo pola ría (valorado conxuntamente en 100 millóns de euros), constitúen as actuacións necesarias para solucionar as carencias da cidade e o seu contorno xeográfico.

COMPLICIDADE MUNICIPAL

Pola contra, os deputados populares denunciaron que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central, coa compracencia do concello, se desentenden dos problemas de accesibilidade da principal cidade de Galicia, na que residen 294.772 habitantes, cifra que se eleva ata as 400.000 persoas contando a área metropolitana.

Mentres os atascos se suceden a cotío, e a simple avaría dun vehículo pode provocar retrasos quilométricos nas principais arterias que comunican a cidade co seu contorno, o Ministerio de Fomento iniciou, xa en abril de 2007, as obras da segunda ponte sobre a bahía de Cádiz, malia que esta cidade ten menos da metade de poboación ca Vigo (128.000 habitantes) e que contando a área metropolitana sobrepasa lixeiramente as 400.000 persoas.

O PAPEL DA XUNTA

Neste contexto, Gómez Alonso responsabilizou directamente ao Goberno bipartito do colapso no que está sumida a ponte de Rande, cunha intensidade media de 60.000 vehículos diarios ao remate de 2006 e que sufriu un incremento exponencial despois da liberalización da peaxe para a área do Morrazo. Os expertos consideran que calquera vía de alta capacidade perde eficacia cando supera os 40.000 vehículos ao día. No caso de Rande, todo indica que a súa saturación vai ir en aumento ata o ano 2010, data na que se calcula o seu colapso definitivo.

Ademais da execución de vías de alta capacidade alternativas como a autovía Vigo-Pontevedra (que debía estar rematada en 2010, pero ao ritmo actual non será realidade ata 2014), o Grupo Popular reclama a posta en marcha do transporte metropolitano, que a Xunta mantén paralizado, e unha aposta decidida polo tren de cercanías no eixe Vigo-Pontevedra.

Cálculos da propia RENFE sinalan que un servizo de cercanías ferroviarias eliminaría un 25% do tráfico rodado actual e recurtaría nun 50% a previsión de crecemento deste a curto e medio prazo.

Paralelamente, o transporte marítmo da ría de Vigo é outra das asignaturas suspensas da Xunta, xa que a pesar de comunicar áreas moi poboadas, perdeu máis da metade dos usuarios. Pasou de dous millóns de viaxeiros na década dos 80, a pechar 2006 con menos da metade, tocando fondo con 960.000 usuarios. O descenso foi especialmente acusado entre xuño e decembro de 2006, período no que como consecuencia da supresión da peaxe, o transporte marítimo perdeu 160.000 usuarios, cando un dos obxectivos da Xunta debería consistir en promocionar o uso do transporte público para incentivar a reducción do uso dos vehículos particulares.

O PSOE LIMÍTASE A FACER MAQUETAS

Neste contexto de carencias, o PPdeG conclúe que a Xunta leva 30 meses anunciando un plan de obras para Vigo que ninguén coñece e con todos os esforzos concentrados en facer maquetas, como a da Ponte de Rande ou as dos porto promovidas polo actual alcalde, con finalidade propagandística e sen sustento real.

O Grupo Popular formulará no Parlamento unha interpelación para reclamar explicacións da Xunta ante a falta de concreción do anunciado proxecto de ampliación da Ponte de Rande.

No hay comentarios: