O PPdeG INTERPRETA QUE OS MILES DE AFECTADOS POLA VARIANTE DE PORTAS EXEMPLIFICAN O FRACASO DA POLÍTICA DE TRANSPORTES DO BIPARTITO
O grupo Popular reunise hoxe co alcalde de Portas e con representantes da coordinadora de afectados, cos que se comprometeu a trasladar as súas demandas ao Parlamento a través dunha proposición non de lei na que reclamará que se garantan os servizos ferroviarios rexionais nas vías que quedarán en desuso
Gómez Alonso considera que a lei de transportes que ten ultimada a Xunta constitúe un elemento “partidario e propagandístico”, mentres 650.000 galegos seguen sen poder utilizar o transporte metropolitano
O PPdeG reclama un compromiso escrito da Xunta con ADIF para garantir o mantemento dos servizos ferroviarios rexionais
O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, considera que o anuncio de supresión de calquera tipo de servizo ferroviario no concello de Portas, por unha banda; e en Catoira, Pontecesures, Valga, Padrón, Caldas, Moraña, Cuntis e Barro, por outra, cando entre en funcionamento o trazado que se está a executar neste momento constitúe un “exemplo clarificador” do fracaso da política de transporte impulsada polo Goberno bipartito.
Gómez Alonso e Pilar Rojo, voceira adxunta do Grupo Popular, reuníronse, esta mañá no Parlamento co alcalde de Portas, Roberto Vázquez e, de seguido, con integrantes da coordinadora de afectados polo anunciado desmantelamento da liña férrea actual entre Vilagarcía de Arousa e a estación de Portas. En total, entre os afectados pola supresión da estación de Portas e os usuarios aos que se eliminará o servizo na zona de Catoira e Padrón, que Fomento quere converter en vía verde, a poboación potencial prexudicada ronda as 150.000 persoas de nove concellos.
O deputado popular cuestiona que a Xunta se resigne a converter o tramo actual, no mellor dos casos, nunha vía verde, sen habilitar alternativa algunha que garanta unha oferta axeitada de transporte colectivo aos usuarios da comarca.
ADMINISTRACIÓN PARALIZADA
A xuízo do deputado popular, resulta paradóxico que cando a Xunta ten ultimado o proxecto de lei de lei de transportes de Galicia, representantes de milleiros de afectados teñan que recurrir ao Parlamento para denunciar o seu desamparo fronte a unha Administración autonómica que non move un fío para solucionar as carencias.
Nas dúas reunións celebradas esta mañá, o portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular anunciou a súa intención de elaborar unha iniciativa na Cámara autonómica para reclamar que a Xunta negocie o mantemento dos servizos ferroviarios rexionais cando entren en servizo os novos trazados.
LEI PROPAGANDÍSTICA
A pesar dos reiterados compromisos da conselleira de Política Territorial de facer de 2008 o ano do transporte, é o certo que, a día de hoxe, 650.000 galegos seguen sen poder utilizar o transporte metropolitano, feito que converte ao proxecto de lei de transportes nun instrumento “partidario e propagandístico”, en palabras de Gómez Alonso.
Para o Grupo Popular, a entrada en servizo na nova liña, deseñada como soporte da alta velocidade ferroviaria, non resulta incompatible coa implantación de servizos de cercanías, que desconxestionan o tráfico rodado, e teñen vital importancia nas comarcas con elevada densidade de poboación, como sucede nesta zona.
En opinión de Gómez Alonso, a Consellería de Política Territorial debe “posicionarse e mover ficha. Xa non valen as palabras; o único que vale neste momento é un compromiso escrito co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, que garanta o mantemento dos servizos aos afectados”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario