martes, 15 de abril de 2008

O PPDEG CUALIFICA DE ‘CACICADA E CHAPUZA’ A ALTERNATIVA INTERIOR PARA A VARIANTE DE NOIA PRESENTADA POLA XUNTA


Política Territorial non tivo en contra os máis de 3.000 asinantes das alegacións que os veciños presentaron ao proxecto interior

A opción da Xunta implica: un aumento do 100% do percorrido; unha funcionalidade dubidosa, xa que non é funcional para arranxar o colapso viario de Noia e da comarca; e a superficie de ocupación a expropiar ascende a máis de 811.000m2

As modificacións presentadas por Política Territorial sobre o proxecto son un engano, xa que se mantén o mesmo trazado, o mesmo impacto ambiental e tan só se limitan a modificacións estéticas

O custe da obra ascende a máis de 70 millóns de euros, máis do dobre que a variante da Ponte

Caride terá que explicar o oscurantismo co que está a actuar neste caso; por qué se nega a recibir ás asociacións veciñais afectadas e por qué o director xeral de Obras Públicas, se negou a comparecer na Comisión de Obras Públicas do Parlamento

O voceiro de Infraestruturas do Grupo Parlamentario Popular, Alejandro Gómez Alonso, cualifica de ‘cacicada e chapuza’ a alternativa interior para a Variante de Noia, presentada onte pola Consellería de Política Territorial.

Amais de non ter en contra os máis de 3.000 asinantes das alegacións que os veciños da comarca presentaron a esta alternativa, Gómez Alonso lembra que a Xunta se decanta por unha opción, a chamada A, que implica: un aumento do 100% do percorrido, ‘9,5km fronte aos 4,7km da variante da Ponte, pola que aposta o PP’; unha funcionalidade máis que dubidosa, ‘xa que non é funcional para arranxar o colapso viario de Noia e da comarca; e a superficie de ocupación a expropiar ascende a máis de 811.000m2.

Gómez Alonso asegura, amais, que as modificacións presentadas por Política Territorial sobre o proxecto son un engano, xa que se mantén o mesmo trazado, o mesmo impacto ambiental e tan só se limitan a modificacións estéticas.

UNHA ALTERNATIVA O DOBRE DE CARA
O voceiro popular lembra tamén que, ademais de causar un impacto negativo sobre o medioambiente e un maior custe enerxético ao realizar un percorrido sensiblemente maior, o custe da obra ascende a máis de 70 millóns de euros, ‘máis do dobre que a variante da Ponte’.

Asimesmo, subliña a afectación importante que terá o trazado sobre os núcleos de poboación, que poderían oscilar entre os 22 e os 30.

PETICIÓN DE ANULACIÓN E VOLTA AO PROXECTO DO PP
Diante deste panorama, Gómez Alonso asegura que o PPdeG pedirá no Parlamento a anulación desta alternativa para instar ao Goberno galego a que execute a variante combinada coa Ponte, como opción de consenso para a comarca.

‘De haber seguido co proxecto que deixou o PP, -asevera- este estaría xa en servicio, xa que a construcción da variante da Ponte estaba tan so pendente da execución do procedemento expropiatorio; era unha solución ambientalmente viable e cun menor custe para o erario público, 30 millóns de euros fronte aos 70 millóns da alternativa interior, incluído o feito de que se faría unha ponte emblemática e singular’.

Pola contra, logo dos preto de tres anos transcorridos desde o cambio de Goberno e co proxecto totalmente paralizado desde entón, no mellor dos casos, Noia non disporá de variante ata o ano 2013, a pesar do crecente colapso viario que rexistra.

OSCURANTISMO E FALLA DE TRANSPARENCIA
O voceiro de infraestruturas do PPdeG pregunta á consellería de Política Territorial cal é o motivo de tanta obcecación pola variante interior, cando non vai vertebrar o territorio, vai seguir obrigando aos usuarios a seguir circulando polo casco urbano e o problema do tráfico vai quedar sen resolver.

‘A conselleira Caride –afirma- vai ter que explicar os motivos do oscurantismo e a falla de transparencia coa que está a actuar neste caso; por qué se nega a recibir ás asociacións veciñais afectadas e por qué o director xeral de Obras Públicas, Manuel Morato, se negou a comparecer na Comisión de Obras Públicas do Parlamento’.

1 comentario:

Anónimo dijo...

está claro que e unha chapuzada e so obedece a intereses do Alcalde de Noia ( Rafa ) e ao seu pai pero como militante do PP e como cidadán de NOia que quere a Ponte afirmo que estes non fan esta aberración porque non lle da tempo que no 2009 ganamos as eleccións da Xunta anulamos este proxecto e retomamos o da ponte e xuntos facemos a ponte eso seguro pero mentres tanto seguiremos loitando contra estes incompetentes e contra as suas mentiras