PSOE E BNG CONSUMAN O SEU BOICOT E IMPIDEN QUE A XUNTA PARTICIPE NA EXECUCIÓN DO ACCESO AO POLÍGONO DE SANXENXO DESDE A AUTOVÍA DO SALNÉS
O PPdeG efectou unha proposta de financiamento a tres bandas –Xunta, concello e xunta de compensación do polígono-, que resultou rexeitada polos socios do bipartito a pesar de que o propio Goberno contemplaba inicialmente a execución desta obra
Os votos dos deputados do PSOE e do BNG na Comisión de Obras Públicas celebrada esta tarde no Parlamento impediron que prospere unha proposición non de lei do Grupo Popular para instar á Xunta a que participe no financiamento da conexión do polígono industrial de Sanxenxo coa Autovía do Salnés.
Alejandro Gómez Alonso, voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, é o autor da proposta debatida esta tarde e que xurdiu despois de constatar a negativa da Consellería de Política Territorial a financiar o novo enlace de acceso ao polígono industrial de Nantes, de 650.000 metros cadrados e que está chamado a convertese no referente industrial e económico de Sanxenxo e de toda a comarca do Salnés.
Aínda que a Consellería de Política Territorial xa ocupou os 23.000 metros cadrados que lle foron cedidos no seu momento pola xunta de compensación do polígono de Nantes como sistema xeral viario para a construción do desdobramento da Autovía do Salnés, o Executivo autonómico desentendeuse das súas obrigas.
Como alternativa, a Xunta enviou ao Concello de Sanxenxo unha proposta de convenio de colaboración co que pretendía que o municipio asumise en solitario o financiamento das obras de conexión do polígono industrial coa autovía. Nesa proposta, a Xunta fixaba o custe das obras en 6,8 millóns de euros, a pesar de que na valoración inicial ese importe quedara situado en tan só 2,7 M€.
Para o PPdeG resulta sorprendente o cambio de actitude operado no seo do Goberno bipartito xa que, como recordou Gómez Alonso na súa intervención, o Servizo de Xestión de Vías de Alta Velocidade emitiu, por petición da Dirección Xeral de Obras Públicas, un informe no que adiantaba que “a construción do enlace será asumida pola sociedade concesionaria de forma parcial, incluíndo a execución dos catro ramais de entrada e saída á glorieta e dous pasos inferiores para facilitar a construción da rotonda”, mentres que “o resto ata completar o enlace será asumido polo concello”.
FINANCIAMENTO A TRES BANDAS
Na iniciativa defendida hoxe por Gómez Alonso e rexeitada cos votos en contra de PSOE e BNG, os populares galegos propoñían un modelo de financiamento a tres bandas. A tal efecto, a Xunta debería asumir o financiamento e execución das pontes da autovía do Salnés necesarias para a execución do enlace inferior, ademais de asumir os enlaces e entrada e saída ao polígono de Nantes. Pola súa banda, o Concello de Sanxenxo debería responsabilizarse dos gastos derivados da adquisición do solo, situado a carón do polígono, e necesario para completar as conexións, e urbanizar os accesos situados fóra dos límites do parque empresarial.
A proposta formulada polo PPdeG completaríase responsabilizando á xunta de compensación do polígono industrial da execución da rotonda situada nun plano inferior á autovía e de completar a urbanización do vial de enlace coa parroquia de Vilalonga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario