O PPDEG PEDIRÁ EXPLICACIÓNS NO PARLAMENTO POLO RETRASO INXUSTIFICADO DE 11 MESES DA POSTA EN SERVIZO DA VARIANTE DE DOBRE VÍA ENTRE ORDES-QUEIXAS
Despois de sete anos de inicio das obras do AVE Santiago-A Coruña, ademais de ter 0 quilómetros electrificados, tan só están en servizo para velocidades de 160Km/h, 42,3Km dun total de 64,1Km que ten este treito
Mellora urxente dos servizos rexionais
Gómez Alonso recrimina a Xunta por asinar un convenio con Renfe, ‘que supuxo un cheque en branco sen esixir unha oferta atractiva, con máis e mellores servizos’
Galicia precisa servizos directos punto a punto e máis rápidos; un axuste dos horarios dos servizos multiparada; e o mantemento das actuais estacións que Renfe pretende pechar
O voceiro de Infraestruturas do Grupo Parlamentario Popular, Alejandro Gómez Alonso, anunciou hoxe, que o Grupo Parlamentario Popular pedirá explicacións, no Parlamento, polo retraso de 11 meses da posta en servizo da variante de dobre vía Ordes-Queixas.
Neste sentido, Gómez Alonso lamenta o retraso ‘inxustificado’ que está a sufrir a posta en servizo deste tramo do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, logo de que o Adif anunciase, con case un ano de retraso desde o prazo de finalización da obra, a posta en servizo da variante de dobre vía entre Ordes e o Río Tourío.
CIRCULARES CONTRADICTORIAS
Para Gómez Alonso, resulta absolutamente criticable o xeito de funcionar do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, dado que, tal e como se desprende das súas circulares internas, o 11 de xaneiro, anulou, sen xustificación técnica algunha a posta en servizo da variante, ‘debido á paralización temporal dos traballos’.
‘O 4 de xaneiro deste ano, -explica Gómez Alonso- Adif anuncia, nunha circular, a posta en servizo o 15 de xaneiro da nova variante; oito días despois, envía unha segunda circular onde, sen xustificación técnica algunha, anula a posta en servizo; para finalmente, 4 meses despois, o 11 de abril, enviar outra circular, onde volve anunciar novamente a posta en servizo da variante’.
11 MESES DE RETRASO
Diante desta situación, o voceiro de infraestruturas popular lembra que esta obra foi adxudicada o 11 de maio de 2005, cun orzamento de 28 millóns de euros e un prazo de execución de 22 meses.
‘Estamos a falar –subliña- de que a obra debería estar rematada en abril de 2007, pero pola contra, non entrará en servizo ata o 22 de abril deste ano, polo que se executou con 11 meses de retraso’.
UN ANO SEN PODER ACURTAR EN 10 MINUTOS
Desde o punto de vista dos usuarios, Gómez Alonso asegura que o peor deste asunto é que debido a estes retrasos inxustificados, os usuarios dos servizos ferroviarios rexionais de Santiago-A Coruña levan un ano sen poder disfrutar do aforro de 10 minutos que supón, no seu traxecto, a entrada en funcionamento da variante de dobre vía entre Ordes-Río Tourío.
AVE SANTIAGO-A CORUÑA
Gómez Alonso lembra, tamén, que despois de sete anos de inicio das obras do AVE Santiago-A Coruña, ademais de ter cero quilómetros electrificados, tan só están en servizo para velocidades de 160Km/h, 42,3Km dun total de 64,1Km que ten este treito.
‘E do total dos 237,1Km do Eixo Atlántico, tan só 57,4Km serán aptos para velocidades de 160km/h. Menos dunha cuarta parte do total do Eixo Atlántico’.
MELLORA URXENTE DOS SERVICIOS REXIONAIS
Asimesmo, o voceiro de Infraestruturas recrimina a Xunta de Galicia por asinar un convenio con Renfe, ‘que supuxo un cheque en branco sen esixir unha oferta atractiva, con máis e mellores servizos’, e reivindica a necesidade urxente de mellora dos servizos rexionais de Renfe-Operadora.
‘Galicia –asegura- precisa servizos directos punto a punto e máis rápidos, para unir varias veces ao día as principais cidades de Galicia; un axuste dos horarios dos servizos multiparada, xa que os actuais non se axustan ás necesidades dos usuarios; e o mantemento das actuais estacións que Renfe pretende pechar, posto que amais de non ser incompatibles nin coas liñas nin cos servizos do AVE, son necesarias para manter e mellorar os servizos rexionais’.
No hay comentarios:
Publicar un comentario