O PPdeG PRESENTARÁ UNHA PNL PARA SUBVENCIONAR O 50% DO TRANSPORTE MARÍTIMO DA RÍA DE VIGO
Considera que o proxecto de lei ademais de realizar a referida liberalización debería de establecer unha regulación axeitada dos servicios do transporte marítimo se garantindo o efectivo cumprimento dos dereitos das persoas usuarias
Lembra o rotundo fracaso da política de transportes do Bipartito, xa que, a pesar de ter superado o ecuador da lexislatura, a consellería de Política Territorial aínda non foi capaz de poñer en marcha ningunha das dúas medidas incluídas no acordo programático de Goberno
A Xunta segue sen aprobar o transporte metropolitano para Vigo, despois de tres anos
O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, anunciou hoxe, en Vigo, que o PPdeG presentará unha Proposición non Lei, no Parlamento, para subvencionar o 50% do transporte marítimo da Ría de Vigo, co fin de garantir a súa viabilidade económica.
Gómez Alonso, que fixo este anunciou en rolda de prensa, acusou á Xunta de suprimir, co proxecto de lei de transporte marítimo, o transporte marítimo da ría viguesa, ao non garantir o mantemento do servicio aos seus usuarios, co consecuente incremento do colapso viario da Ponte de Rande, ata o punto de converterse nun tapón.
Amais de non defender os intereses dos usuarios, o voceiro popular lembrou que o texto elaborado pola Xunta ignorou, asimesmo, as alegacións presentadas polo concello de Moaña e polo Consello Económico e Social.
Neste sentido, Gómez Alonso, lembrou que o proxecto da Xunta foi informado desfavorablemente por dous motivos fundamentais: porque só pasa por crear un rexistro de operadores de transporte na Ría de Vigo, sen garantir a prestación do servicio actual e sen establecer regulación algunha; e porque liberaliza o sector do transporte marítimo de viaxeiros en augas interiores de Galicia, esquecendo a necesidade de que esa liberalización do sector sexa compatible con que se garanta o efectivo cumprimento dos dereitos das persoas usuarias.
LIBERALIZAR NON É DESREGULAR
‘O PPdeG –dixo- considera que o proxecto de lei ademais de realizar a referida liberalización debería de establecer unha regulación axeitada dos servicios do transporte marítimo. Liberalizar non é desregular. O proxecto debería conter aspectos regulatorios básicos do transporte marítimo’.
O voceiro de Infraestruturas popular afirmou que a Xunta debería someter a liberalización do transporte marítimo da ría de Vigo a un réxime de autorización administrativa efectuada pola Dirección Xeral de Transporte. ‘Só deste xeito –explicou- sería posible acreditar que as empresas interesadas cumpren as esixencias requeridas en materia de seguridade, equipamento técnico, persoal, atención aos usuarios, frecuencias horarias, entre outros aspectos polos que a Xunta debería velar, e non o fai’.
ROTURNDO FRACASO DA POLÍTICA DE TRANSPORTES DO BIPARTITO
Gómez Alonso referiuse tamén ao ‘rotundo’ fracaso da política de transportes do Bipartito xa que as máis de 20 medidas incluídas nos programas electorais dos dous partidos que apoian á Xunta quedaron reducidas a dúas no acordo programático de Goberno: implantar un plan de transporte público de cercanías nas áreas metropolitanas e poñer en marcha un billete único de transporte intermodal nas áreas urbanas e metropolitanas.
‘Sen embargo –lembrou-, a consellería de Política Territorial aínda non foi capaz de poñer en marcha ningunha das dúas medidas, a pesar de ter superado xa o ecuador da lexislatura’.
Por último, Gómez Alonso reiterou que a eliminación do transporte marítimo na Ría de Vigo, así como a inexistencia dun transporte metropolitano para Vigo, despois de tres anos de lexislatura, está a converter nun auténtico tapón a Ponte de Rande.
No hay comentarios:
Publicar un comentario