O PPdeG PROPÓN UN DECRETO QUE DECLARE DE INTERESE XERAL O TRASPORTE MARÍTIMO DA RÍA DE VIGO PARA GARANTIR RUTAS E HORARIOS AXEITADOS
Gómez Alonso considera que con este modelo, a Xunta debería someter o servizo a unha autorización administrativa, como a dos operadores eléctricos ou subministradores de gas, para preservar os intereses dos usuarios
O PPdeG foi a única formación política que asumiu como propias as demandas dos afectados e propón solucións alternativas satisfactorias, compatibles coa redución do prezo do billete
A Xunta de Galicia debe mudar de estratexia en relación coa liberalización do transporte marítimo na ría de Vigo e aprobar un decreto que declare como actividade económica de interese xeral a este servizo, ao abeiro da directiva europea de servizos do mercado interior, do ano 2002. A proposta foi efectuada hoxe no Pleno do Parlamento polo voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, no debate do ditame do proxecto de lei polo que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.
Tal e como está redactado o texto legal promovido pola Xunta, que determina unha liberalización total, non queda garantida a prestación do servizo para as rutas deficitarias –as que enlazan Vigo con Cangas e Moaña, e viceversa- xa que os traxectos rendibles e, polo tanto máis apetecibles para as empresas, son os enlaces coas Illas Cíes, que son utilizados por unha media de 100.000 usuarios cada ano.
Para garantir que Cangas e Moaña podan dispoñer de conexións marítimas con Vigo, coas frecuencias e franxas horarias necesarias, o PPdeG considera que a Xunta debería someter a prestación do servizo a unha autorización administrativa semellante á que xa se aplica noutros sectores, como o eléctrico ou o gasista, coa que preservar os interese dos usuarios.
A xuízo de Gómez Alonso, co decreto de declaración como actividade económica de interese xeral, o transporte marítimo de persoas na ría de Vigo quedaría eximido de aplicar o principio europeo de libre circulación de e prestación de servizos, para quedar suxeito á planificación e ordenación en aras da defensa dos interese dos usuarios.
De feito, segundo anunciou o deputado, Grupo Popular vai rexistrar no Parlamento unha proposición non de lei para instar á Xunta a promulgar ese decreto, que beneficiaría a un elevado número de usuarios de Vigo e da comarca do Morrazo.
SOLUCIÓN SATISFACTORIA PARA OS USUARIOS
O decreto que defende o PPdeG é compatible coa proposta de reducir o prezo do billete das conexións entre as dúas marxes da ría de Vigo e ofrecería unha resposta satisfactoria ás demandas e alegacións formuladas no trámite de audiencia da lei por unha decena de entidades, incluído o Concello de Moaña, por entender que non garante as prestacións básicas do transporte da ría.
Así as cousas, o PPdeG foi a única formación política que asumiu como propias as demandas dos afectados e propón solucións alternativas satisfactorias.
O Grupo Popular votou en contra desta lei por entender que, tal e como está redactada, afunde practicamente o actual servizo de transporte marítimo na ría de Vigo, polo menos cos traxectos e frecuencias actuais, inflinxindo serios prexuízos aos consumidores e usuarios da cidade e da comarca do Morrazo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario