jueves, 19 de junio de 2008

O PPdeG RECLAMA A INMEDIATA POSTA EN MARCHA DO OBSERVATORIO GALEGO DE CUSTES PARA EVITAR A COMPETENCIA DESLEAL E GARANTIR A ACTUALIZACIÓN DAS TARIFAS

A Xunta permanece de brazos cruzados e aínda non materializou ningún dos compromisos adquiridos co sector do trasporte hai tres anos, a raíz do paro anterior

O Plan de acción da Xunta para o transporte de mercadorías carece de dotación orzamentaria específica e retrasa a execución das actuacións previstas, polo menos, ata a próxima lexislatura, polo que o PPdeG pide medidas inmediatas que eviten un novo paro a curto prazo

Ningún dos compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia, a raíz do paro do sector do transporte realizado daquela, foron materializados nos tres anos transcorridos desde entón, segundo denunciou esta tarde no Parlamento o portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, ao defender unha iniciativa na que reclamou unha actuación coordinada da Xunta e do Goberno central para superar a intensa crise que atravesa o sector.

A xuízo de Gómez Alonso, as dificultades dos transportistas son aínda máis intensas en Galicia ca en España como consecuencia da elevada atomización que presenta o sector nesta Comunidade Autónoma. En Galicia, a media é de 2,3 camións por empresa fronte aos 2,8 do conxunto de España.

ACTUALIZACIÓN DAS TARIFAS

As accións encamiñadas á mellora da competitividade deberían incluír tamén, a xuízo do PPdeG, a posta en marcha do observatorio de custes galegos, por entender que supón o instrumento acaído para evitar a competencia desleal no sector e asegurar a actualización das tarifas en función do incremento dos gatos de explotación das empresas.

O Grupo Popular demanda que a Administración habilite unha liña de crédito para refinanciar o pasivo das empresas de transporte, máxime despois de que o bipartito eliminase en 2006 unha liña de axudas do Igape para fomentar a renovación da flota.

Despois da ultima folga do sector do transporte de mercadorías por estrada, no que a Xunta permaneceu de brazos cruzados, sen efectuar o máis mínimo intento de acercamento ao sector, volveu quedar en evidencia a desidia do Executivo autonómico, malia que dispón de competencias para mellorar a situación do sector.

MELLORA DA COMPETITIVIDADE

Na súa intervención ante a Comisión 2ª, de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, do Parlamento, Gómez Alonso insistiu en reclamar a inmediata posta en marcha dun plan para a mellora da competitividade do sector, implantando centros de formación profesional específicos nas catro provincias galegas. Os únicos que funcionan na actualidade foron implantados polo anterior Goberno do Partido Popular. A importancia da medida ven derivada das crecentes dificultades das empresas para atopar condutores cualificados, o que dificulta a substitución do persoal de maior idade que está traballando. O problema increméntase pola elevada idade media dos condutores actuais que se xubilarán a curto e medio prazo.

Neste escenario, urxe, ademais, poñer en marcha un plan de concentración das empresas, mediante incentivos fiscais, e a potenciación da figura do xestor de concentracións.

Malia que se comprometera a elo co sector, a Xunta continúa sen habilitar aparcamentos para vehículos industriais e patios de operacións amplos nos polígonos industriais existentes.

Urxe, ademais, a construción de accesos axeitados a áreas loxísticas como o porto exterior de Ferrol (sen acceso ferroviario e cun retraso de 10 meses na execución da conexión viaria), a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (continúa sen conexión coa A-52 e sen previsión de enlace ferroviario), o Porto Seco de Monforte (accesos á N-120 aínda en fase de estudo), ou o Polígono de San Cibrao das Viñas, que precisa dunha conexión coa A-52.

As necesidades do sector inclúen tamén a construción de 10 millóns de metros cadrados de solo industrial dedicado ao transporte, fronte aos so 3 millóns de metros cadrados existentes actualmente en Galicia.

Tampouco se produciu avance algún para construír áreas de descanso nas vías de alta capacidade en servizo. As principais carencias rexístranse actualmente na autovía das Rías Baixas e nas inmediacións da estrada N-VI, onde as escasas áreas existentes están sobresaturadas desde hai tempo.

RETRASOS NA REDE VIARIA ESENCIAL PARA O TRANSPORTE

A existencia dunha rede viaria axeitada é esencial para a mellora da competitividade de calquera empresa de transporte, feito que en Galicia colisiona cos retrasos que acumulan as obras de construción das vías de alta capacidade dependentes do Ministerio de Fomento. É o caso das autovías do Cantábrico, Santiago-Lugo, Ourense-Lugo, Pontevedra-Confurco e Ourense Ponferrada. No seu conxunto, o Goberno central ten paralizados ou retrasados un total de 432,2 quilómetros de vías de alta capacidade en Galicia, segundo recordou esta tarde Gómez Alonso.

PAPEL MOLLADO

Nesta liña, o deputado popular tamén cuestionou o plan de accións inmediatas para o sector do transporte de mercadorías presentado recentemente pola Consellería de Política Territorial, xa que carece de dotación orzamentaria específica e, no mellor dos casos, retrasa a execución das actuacións previstas á próxima lexislatura. “É papel mollado porque non concreta nada”, aseverou.

Por iso, Gómez Alonso reclamou que a Xunta poña en marcha accións inmediatas para evitar que Galicia volva ser escenario dun novo paro do transporte a curto prazo.

No hay comentarios: