jueves, 3 de julio de 2008

O PLAN DE ESTRADAS DO BIPARTITO É “PAPEL MOLLADO” PORQUE CARECE DE FINANCIACIÓN E RECOÑECE OS CATRO ANOS PERDIDOS NA EXECUCIÓN DAS OBRAS PENDENTES

As parálises promovidas polos Goberno central e autonómico na rede de vías de alta capacidade programada polo PPdeG provocaron que, a día de hoxe, só estea operativo o 15,21% da rede autonómica que xa debería estar rematada

O Grupo Popular insta á conselleira de Política Territorial a respectar os principios éticos que deben rexer na política e que impiden utilizar os recursos públicos para as actividades privadas ou de partido, como fai Caride

O Plan Director de Estradas de Galicia, presentado recentemente por partida dobre, é “papel mollado” porque carece dos cartos necesarios para financiar as actuacións previstas e retrasa ata o ano 2020 a entrada en servizo de vías de alta capacidade que xa poderían estar operativas na actualidade se non tivesen sido paralizadas, primeiro polo Goberno central e logo polo bipartito autonómico, segundo apuntou hoxe no Parlamento o portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso.

Os populares galegos cuestionan a inconsistencia dun documento que plantexa efectuar investimentos de ata 16.000 millóns de euros, a metade dos cales debería ser achegados polo Ministerio de Fomento, sen dispoñer de acordo nin compromiso algún do Consello de Ministros, pero tampouco do Consello da Xunta. Non se iniciou sequera o procedemento de información pública nin de avaliación ambiental.

O Plan de Estradas plantexa tamén a transferencia de estradas estatais á Comunidade Autónoma, sen que exista un compromiso claro do Goberno central, nun momento no que a propia ministra de Administracións Públicas se amosa reticente a incrementar a capacidade de autogoberno de Galicia.

PROPOSTAS NON CRIBLES

As propostas de articulación territorial anunciadas pola Xunta tampouco resultan cribles na medida en que circunvalacións e variantes anunciadas desde hai anos, como as de Caldas de Reis, Ordes ou Noia, ou a estrada Silleda-Laro, non acaban de materializarse.

Para Gómez Alonso, o Plan de Estradas recoñece e trata de xustificar, en suma, o retraso de máis de catro anos acumulado desde a chegada de Zapatero ao Goberno central, e a conseguinte paralización e anulación do Plan Galicia. A suma das paralizacións e retrasos acumulados en vías de competencia estatal e autonómica en Galicia nos últimos catro anos acada os 900 quilómetros, cun investimento de 2.500 millóns de euros que, polo tanto, non foron executados.

“Vostede –afirmou Gómez Alonso dirixíndose á conselleira de Política Territorial- e maila ministra de Fomento son as grandes responsables desta situación, coa conivencia dos presidentes de Galicia e de España”. Nesta liña, o PPdeG entende que María José Caride vai camiño de converterse, por méritos propio, na “Madalena Álvarez da Xunta”.

Fronte ao retraso que acumulan as grandes obras públicas en Galicia, Gómez Alonso subliñou que o conxunto de España acumula 1.121 quilómetros de autovías e autoestradas postas en servizo polo Executivo central do PSOE. Recordou que o Plan Galicia aprobado e iniciado polos anteriores Gobernos central e autonómico do PPdeG contemplaba a execución de 450 quilómetros de vías de alta capacidade para poñelas en servizo entre os anos 2008 e 2009.

Para iso, cando o bipartito asumiu responsabilidades de Goberno recibiu 8 vías de alta capacidade licitadas, adxudicadas ou en execución e 6 vías de alta capacidade con declaración de impacto ambiental favorables e coa redacción do proxecto moi avanzada, practicamente listas para ser licitadas. “Política Territorial atopouse con 450 km de vías de alta capacidade, que podería inaugurar ata 2010 case sen saír do despacho”, segundo Gómez Alonso. Destas, 345 poderían estar en servizo en 2009.

Destas vías de alta capacidade, a día de hoxe, arredor de 10 (Santiago-Brión, Santiago-Pontevea, Salnés, Barbanza, Nadela-Sarria, Ferrol-Vilalba, Dozón-Ourense, Brión-Noia, Sarria-Monforte e a variante de Noia) xa deberían estar rematadas. Destas, coa excepción, da vía do Salnés, que estaba practicamente rematada cando se produciu o cambio de Goberno, o bipartito só foi capaz de rematar a autovía Santiago-Brión e o tramo Dozón-Ourense, cun total de 35 quilómetros, é dicir o 15,21% dos 230 quilómetros de novas vías autonómicas de alta capacidade que xa deberían estar rematadas en 2008.

Ademais, a finais deste ano, deberían estar en servizo as vías de alta capacidade da Costa da Morte, Tui-A Guarda, Celanova-A-52 e a Vía Ártabra. Os prazos tamén foron ignorados as máquinas aínda non comezaron os seus traballos.

CHAMAMENTO Á RESPONSABILIDADE ÉTICA

Gómez Alonso apelou, na súa intervención, á responsabilidade ética dos integrantes do Executivo galego para poñer fin á utilización indebida de recursos públicos, como están a facer algúns conselleiros, entre os que se atopa María José Caride, que empregan o coche oficial para actividades privadas e de partido. “Só falta que a conselleira vaia en coche oficial a facer a compra”, afirmou o deputado popular, exhibindo unha foto que acredita ese uso fraudulento dos recursos públicos.

No hay comentarios: