O PPdeG PROPÓN UBICAR NO ENTORNO DA ESTACIÓN BOTOS-LALÍN UNHA PLATAFORMA LOXÍSTICA INTERMODAL PARA POTENCIAR A COMPETITIVIDADE DAS EMPRESAS DO CENTRO
Alejandro Gómez Alonso, portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, explica que as plataformas loxísticas permiten axilizar o transporte ao fluidificar o transvase de mercadorías entre ferrocarril, camións e tráfico marítimo, ao tempo que reducen custes, desconxestionan o tránsito e crean riqueza nas áreas onde se implantan
O PPdeG suxire converter a estación de Botos no centro loxístico para as obras de construción do AVE entre Santiago e Ourense
O plan de plataformas loxísticas elaborado pola Xunta exclúe a Lalín, onde só contempla a instalación dunha área de servizo
Os populares tamén reclaman a Renfe que manteña unha liña de media distancia polo trazado do AVE e se habilite un apeadoiro en Botos-Catasós para dar servizo a Lalín nun momento no que é preciso potenciar o transporte colectivo
O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Aljandro Gómez Alonso, e mailo voceiro do grupo de Goberno no concello de Lalín, Román Rodríguez, presentaron hoxe a proposta do PPdeG para construír unha plataforma loxística intermodal no entorno da estación de ferrocarril de Lalín-Botos.
Con esta proposta, que o PPdeG trasladará ao Parlamento no vindeiro período de sesións, búscase superar a discriminación da que pode ser obxecto Lalín se finalmente se materializa o plan de plataformas loxísticas elaborado pola Xunta e que só prevé para esta localidade a instalación dunha área de servizo, ignorando as necesidades do seu tecido empresarial e o seu potencial de crecemento.
BENEFICIOS
As plataformas loxísticas de transporte permiten axilizar o trasvase de mercadorías entre os diferentes sistemas de transporte: ferrocarril, estrada e marítimo. Simultaneamente, as plataformas loxísticas desconxestionan o tránsito rodado ao desprazar os grandes centros de distribución de mercadorías do contorno das grandes cidades, garanten a dispoñibilidade de solo empresarial suficiente para actividades de tipo loxístico (talleres, áreas de aprovisionamento, central de compras, servizos administrativos, áreas de descanso para os profesionais do volante) e incrementan a competitividade das empresas.
Gómez Alonso apuntou que os custes loxísticos supoñen arredor do 14% do prezo de venda de calquera produto e representan entre o 30% e o 60% dos custes de produción. Ademais, para unha empresa de transporte, o acceso a unha plataforma loxística axeitada pode representar aforros de arredor dun 12%.
A plataforma loxística que o PPdeG demanda para a zona da estación de ferrocarril de Lalín-Botos podería beneficiar ás empresas dunha extensa área xeográfica configurada polas comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes, O Carballiño e Santiago de Compostela. No seu contorno máis inmediato, tamén potenciaría o polígono industrial de Catasós. Os custes de produción das empresas da zona reduciríanse arredor dun 30% e as taxas aboadas polos concellos a Sogama poderían descender un 14% ao trasladar o lixo por ferrocarril á planta de Cerceda. Para iso, sería suficiente con habilitar en Botos un centro de transferencia de Sogama de ámbito comarcal.
Como primeira medida, o PPdeG suxire converter a estación de Botos no centro loxístico para as obras de construción do AVE entre Santiago e Ourense, o que permitiría axilizar a execución dos traballos por facilitar o acopio de materiais.
Na actualidade, a loxística do transporte mobiliza en Galicia un volume anual de 135 millóns de toneladas de mercadorías: 75 millóns de toneladas corresponden a tráficos internos da Comunidade Autónoma, mentres que os 60 millóns restantes son produtos procedentes ou destinados aos mercados nacional ou internacional.
A elección de Lalín-Botos como ubicación deste proxecto ten a súa razón de ser no feito de que a futura conexión ferroviaria de alta velocidade entre Santiago de Compostela e Ourense se dedicará exclusivamente ao transporte de pasaxeiros, mentres que a liña convencional, segundo as previsións manexadas polo Ministerio de Fomento, se dedicaría en exclusiva ao tráfico de mercadorías.
PROPOSTAS COMPLEMENTARIAS
Paralelamente, o Grupo Popular reclama que, con independencia da entrada en servizo do AVE Santiago-Ourense, Renfe manteña os servizos de media distancia mediante a posta en funcionamento do trens Avant, que acadan os 220 kms/h en liñas electrificadas e a utilización do posto de adiantamento e estacionamento de trens (PART) previsto en Botos-Catasós como apeadeiro de pasaxeiros para a zona de Lalín. Para facer viable este proxecto, sería necesario construír os accesos viarios necesarios e poñer en marcha un servizo de transporte público urbano.
Nun escenario de permanente alza dos carburantes, o PPdeG estima que aposta polo transporte público –que na actualidade rexistra moi baixos niveis de ocupación- se volveu unha necesidade incuestionable que non pode ser ignorada pola Administración autonómica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario