jueves, 21 de agosto de 2008

O anuncio da nova modificación do trazado Rendondela-Vigo confirma as mentiras de Touriño sobre a chegada do AVE en 2012

•A este ritmo o AVE do Eixo Atlántico non estará listo ata 2015, ‘como mínimo’, e o AVE de conexión coa Meseta non estará, ‘sendo optimistas’, ata 2018

•Asegura que o PSOE é un partido que engana por sistema: ‘engana coa crise económica, engana co financiamento autonómico e engana co AVE e cos seus prazos’

•Reitera a necesidade, ‘máis ca nunca’, da constitución, en setembro, da subcomisión de seguimento do AVE galego aprobada no Congreso

O anuncio por parte do Goberno central da modificación do trazado do AVE entre Redondela e Vigo, e o oscurantismo sobre as súas características e novos prazos, confirman as mentiras de Touriño, diante da imposibilidade material de que o tren de alta velocidade estea operativo en 2012.

O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, lembra amais que, con esta nova modificación do trazado, non só se confirman novos retrasos senón tamén a dobre moral á que nos ten acostumados o Partido Socialista de dicir unha cousa en Galicia e a súa contraria en Madrid.

‘Só así se entende –di o voceiro popular- que os máximos responsables do bloqueo do AVE en Galicia: o señor Touriño, o señor Zapatero e a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, sexan á vez os campións dos anuncios da chegada desta obra’.

UN PARTIDO QUE ENGANA POR SISTEMA
Neste sentido, Gómez Alonso, asegura que o PSOE é un partido que engana por sistema: ‘engana coa crise económica, engana co financiamento autonómico e engana co AVE e cos seus prazos’.

O voceiro popular lembra que o único certo, tras cinco anos de goberno socialista, é que aínda hai cero quilómetros electrificados e que, co estado actual de tramitación, preto do 80% do AVE galego aínda se atopa en fase de estudio e proxecto.

O AVE DO EIXO ATLÁNTICO NON ESTARÁ ATA 2015
O deputado do Partido Popular de Galicia subliña que a este ritmo o AVE do Eixo Atlántico non estará listo ata 2015, ‘como mínimo’, e o AVE de conexión coa Meseta non estará, ‘sendo optimistas’, ata 2018.

‘Tal e como van as cousas e ante os atrancos que o PSOE está a poñer, os galegos teremos que esperar aínda case unha década máis para que o AVE chegue a Galicia’.

CONSTITUCIÓN DA SUBCOMISIÓN DE SEGUIMENTO
Diante desta situación, Gómez Alonso reitera a necesidade, ‘máis ca nunca’, da constitución, en setembro, da subcomisión de seguimento do AVE galego aprobada no Congreso.

‘Ante este nova modificación dun trazado e a negativa de Fomento de concretar datos sobre a súas características e prazos, faise necesario –afirma- que a subcomisión se constitúa, sen máis dilacións e inescusablemente, en setembro, tal e como estableceu a Cámara baixa’.

No hay comentarios: