lunes, 15 de septiembre de 2008

Rueda afirma que Touriño non é de fiar ao mostrarse cómplice do nulo interese do Goberno central co AVE galego


•Asegura que o presidente non ten lexitimidade para ser el quen controle xunto á ministra de Fomento o estado das obras pendentes, xa que ambos carecen de credibilidade

•Afirma que un Goberno que non respecta as decisións adoptadas polo Congreso dos Deputados é un Goberno que cuestiona os valores da Democracia

•Cre que “AVE” e “PSOE” son termos incompatibles, e acusa aos socialistas de mostrar xa sen descaro as súas auténticas intencións: atrasar a chegada do tren de alta velocidade a Galicia tanto como poidan

•O BNG permanece calado e fai, xunto ao PSOE, de comparsa que ri as grazas a un Goberno que non respecta a Galicia

O secretario xeral do PPdeG acusou esta mañá ao titular da Xunta de ser cómplice do nulo interese do Goberno central para coas infraestruturas galegas. Rueda cre que, ao xustificar a decisión da ministra Salgado de non crear unha comisión de seguimento das obras pendentes no país a pesar de que así se acordou por maioría no Congreso dos Deputados, Touriño queda retratado como un político pouco fiable. O dirixente popular recordou que o presidente galego votou “si” á creación desa comisión no Parlamento galego, pero agora os deputados que el controla en Madrid e o Goberno do PSOE, partido no que milita, din todo o contrario.


Rueda cre que ou a Touriño non lle fan caso en Madrid polo seu nulo peso político e a súa escasa capacidade para influír nun suposto Goberno amigo, ou é el mesmo quen deu ordes de votar “non” a unha proposta na que non cría pero que impulsou desde aquí para non enfrontarse ao desgaste da opinión pública.

Para o secretario xeral dos populares galegos, os socialistas non fixeron máis que empezar a mostrar xa sen vergoña nin disimulos as que son as súas verdadeiras intencións no referido ás infraestruturas galegas: atrasar a súa posta en marcha o máis posible para poder investir noutras comunidades. Por iso rexeitan a posta en marcha de todo órgano que poida axudar a fiscalizar o estado das obras, a pesar de que para iso teñan que facer oídos xordos aos acordos alcanzados polas forzas no seo do Congreso dos Deputados. Rueda engadiu que un Goberno que pasa por encima dos mandatos da Cámara na que reside a soberanía do pobo é un Goberno que pasa por encima da Democracia.

UN PRESIDENTE SEN CREDIBILIDADE
En todo caso, cre que o presidente da Xunta, que se mostrou encantado de ser el quen controlará o estado das obras xunto á ministra de Fomento, non ten credibilidade para falar de infraestruturas posto que é un dos culpables dos atrasos que estas acumulan. Ademais, referiuse á postura do BNG, que apenas criticou a decisión da ministra Salgado e que segue empeñado en facer, xunto ao PSOE, de comparsa do Goberno central. Rueda lamentou que o Bloque siga rindo as grazas a un Executivo que non atende as necesidades de Galicia e que pisa os acordos alcanzados polas forzas tanto na Cámara galega como no Congreso dos Deputados.

Para Alfonso Rueda o espectáculo vivido onte en Madrid demostra que as palabras “AVE” e “PSOE” son incompatibles, e que non haberá tren de alta velocidade mentres dependa deste partido.

Por iso, e ante a situación actual, o portavoz de Infraestruturas do PPdeG, Alejandro Gómez Alonso, anunciou que pedirá na Cámara galega que se constitúa dentro do propio Parlamento galego a mesma comisión cuxa creación negou onte Salgado, así como que se elabore un calendario marco para, xa non de finalización senón de inicio das obras da AVE en Galicia e nos seus diferentes tramos. Tamén pedirá o Grupo Popular á Xunta que insista a Madrid para que a comisión que onte negaron si se constitúa finalmente, algo no que os populares non teñen demasiadas esperanzas dado o nulo interese de Touriño e dos socialistas galegos polas nosas infraestruturas.

Gómez Alonso recordou que para que a AVE estivese listo no 2012 que pregoan Zapatero e Touriño, habería que investir máis de 2.000 millóns cada ano, posto que quedan máis de 8.000 para terminar as obras. O deputado popular cre que, investindo 600 como din que farán, nunca chegariamos ao prazo marcado, polo que o PPdeG aliñouse coas teses defendidas o martes pola patronal galega: ao ritmo actual non haberá AVE no horizonte marcado polo Goberno.

No hay comentarios: