O PPdeG DETECTA ATA 22 GRANDES EIVAS NO PLAN VIGO ÍNTEGRA, ELABORADO POR POLÍTICA TERRITORIAL CON DATOS INCORRECTOS E CARTOGRAFÍA DESFASADA
Bautiza a Caride como a “conselleira subprime” por auspiciar un Plan Vigo Íntegra plagado de erros e prexuízos para os veciños
Gómez Alonso plantexa, como alternativa inmediata, a construción da autovía Vigo-Pontevedra, a ampliación efectiva da ponte de Rande e a supresión da Peaxe no actual tramo da AP-9 entre Vigo e O Porriño
O PPdeG cuestiona a utilidade de actuacións contempladas como o carril-bici entre Vigo e Nigrán, a variante de Ponteareas ou a circunvalación de Gondomar, que suscitan un elevado rexeitamento veciñal
O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, afirmou hoxe no Parlamento que a conselleira de Política Territorial converteuse na “conselleira subprime” na súa condición de promotora do Plan Vigo Íntegra, convertido nun plan de risco, polos erros e prexuízos que pode implicar para os veciños das comarcas que abrangue.
Nunha interpelación dirixida a María José Caride, seguida por ducias de veciños afectados, que se deron cita dentro e fóra do recinto do Parlamento, Gómez Alonso recordou que, non satisfeita con tardar tres anos en elaborar o Plan Sectorial de Vigo, a Xunta presentou un documento carente do mínimo rigor esixible. Manexa datos de tráfico anticuados, baséase nunha cartografía non actualizada, non analiza a mobilidade das comarcas nas que pretende implantar o plan e tampouco ten en conta variables de futuro esenciais como poboación, industria, crecemento demográfico, transporte público e de mercadorías ou previsións de futuro das infraestruturas ferroviarias.
MÁIS DE 20 GRANDES EIVAS
De feito, o Grupo Popular ten constancia da existencia de ata 22 grandes eivas no contido do documento, feito, que, ao seu xuízo, lle nega validez como plan sectorial de futuro. “Un documento xenérico, cunha base de datos sen actualizar, non é válido para establecer as directrices viarias do futuro da maior urbe de Galicia”, aseverou o deputado popular.
Entre os exemplos das incoherencias recollidas no Plan Vigo Íntegra, Gómez Alonso referiuse ao carril-bici entre Vigo e Nigrán, a variante de Ponteareas ou a circunvalación de Gondomar, que suscitan un elevado rexeitamento veciñal e carecen da utilidade que a Xunta argumenta.
Gómez Alonso instou á conselleira de Política Territorial a retirar o Plan Vigo Íntegra unha vez acreditada a elevada contestación social suscitada polo mesmo, xa que a pesar de que foi exposto coincidindo coas vacacións estivais, recibiu máis de 15.000 alegacións formuladas polos colectivos e particulares afectados. “Todo un récord”, subliñou.
Nesta liña, o voceiro de Obras Públicas do Grupo Popular convidou ao BNG a manter unha postura coherente e reclamar, como fixeron os nacionalistas na Deputación de Pontevedra, a retirada do Plan Vigo Íntegra por resultar “tóxico” para os cidadáns, ao igual que as hipotecas “subprime”.
ALTERNATIVAS A CURTO PRAZO
Para o PPdeG, os erros que poden derivarse da implantación do plan sectorial de Vigo poderían corrixirse cun cambio de criterio da Xunta que xirase arredor de catro grandes eixes. Como primeira alternativa, o PPdeG plantexa a necesidade de axilizar a construción da autovía Vigo-Pontevedra (A-57), que está paralizada, malia que o propio Touriño se comprometera a poñela en servizo ao longo do ano 2009. Sen embargo, as obras, de unha lonxitude de 55,4 kms e un custe de arredor de 400 millóns de euros, non poderán quedar rematadas ata, polo menos, os anos 2013 ou 2014.
A segunda das propostas consistiría en conectar a A-57 coa rede arterial de Vigo e o aeroporto de Peinador a través da alternativa 11, que Fomento rexeita aprobar.
Outras das medidas imprescindibles pasa pola necesidade de ampliar a ponte de Rande, que está a piques de colapsarse, mentres se esfuma o anuncio de ampliación da propia Xunta unha vez anunciada a venda da empresa concesionaria da Autoestrada. “En Galicia, a Xunta ofrécenos unha maqueta da ampliación de Rande, mentres o Ministerio de Fomento xa iniciou a construción da segunda ponte sobre a baía de Cadíz, cun investimentos superior aos 300 millóns de euros”, apuntou
A cuarta das propostas do PPdeG para solventar, a curto prazo, os problemas viarios que presentan Vigo a súa área próxima, consistiría en suprimir a peaxe do tramo da AP-9 entre Vigo e Porriño, como alternativa á construción da autovía proxectada. A supresión da peaxe resultaría máis económica que a construción da autovía que, por outra banda, podería provocar un prexuízo de 200 millóns de euros no concello de Mos, pola elevada afección que o novo vial podería provocar sobre o seu territorio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario