A XUNTA APARCA O METRO DA CORUÑA E DE VIGO POR FALTA DE CARTOS MENTRES ANDALUCÍA RECIBE 1.055 MILLÓNS DE EUROS PARA OS SEUS FERROCARRÍS INTERIORES
•A paralización do proxecto para dotar de metro lixeiro ás dúas cidades galegas revela o fracaso da consellería Caride como xestora, pero tamén a súa falta de peso político de Touriño para conseguir financiamento en Madrid
•O Goberno central non consigna un só euro para metro lixeiro nin para cercanías ferroviarias en Galicia, pero destinou 217 millóns de euros ao metro de Sevilla e dedicará 250 M€ en 2009 para trens de proximidade no núcleo urbano de Barcelona
•O PPdeG considera que Galicia debería seguir o exemplo de Porto, que cunha rede de 60 quilómetros de metro resolveu os problemas de tránsito e mobilidade da cidade a súa área metropolitana
A decisión da Xunta de dar carpetazo aos proxectos encamiñados a dotar á Coruña e a Vigo de cadansúa rede de metro lixeiro revela o fracaso do Goberno bipartito para arbitrar solucións satisfactorias aos crecentes problemas de mobilidade que rexistran as cidades galegas. O voceiro de Obras Públicas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, recorda que o Goberno bipartito leva máis de tres anos sendo incapaz de implantar o Plan de Transporte Metropolitano que deixou en marcha o anterior Executivo do PPdeG, malia que as grandes urbes galegas e as súas áreas metropolitanas acusan crecentes problemas de tráfico que poderán resolverse, en gran medida, a través dunha axeitada rede de transporte público.
Ademais da incapacidade para xestionar e executar os proxectos de metro lixeiro, Gómez Alonso acusa ao presidente da Xunta e á súa conselleira de Política Territorial de carecer do peso político suficiente ante o Goberno central para conseguir os fondos económicos necesarios para cofinanciar a implantación desde modelo sustentable de transporte.
CERO EUROS PARA GALICIA
Así, mentres Galicia recibirá “cero euros” para a implantación do metro lixeiro, Sevilla contou con 217 millóns de euros para a súa rede de metro, e Barcelona recibe, nos Orzamentos de 2009, 250 millóns de euros para ferrocarrís de proximidade tan só no núcleo urbano. E mentres Galicia se ve abocada ao peche de estacións e ao desmantelamento das vellas vías do tren porque o Ministerio de Fomento se nega a financiar a implantación dunha rede de cercanías, o Goberno central concede a Andalucía 1.055 millóns de euros para a mellora da súa rede ferroviaria interior, tan só nos Orzamentos do Estado do ano próximo.
Neste escenario, e fronte á pasividade e comprecencia amosada polo Goberno de Touriño, o PPdeG avoga por promulgar unha lei de fomento do transporte público e aposta pola creación de consorcios metropolitanos de transporte que permitan definir servizos viarios e ferroviarios en cada unha das grandes cidades de Galicia, compatibilizando e coordinando as redes viarias, o transporte colectivo por estrada e as conexións ferroviarias de proximidade.
O EXEMPLO DE PORTO
O PPdeG considera que Galicia debería seguir o exemplo de Porto, que foi capaz de implantar unha rede metropolitana de metro de 60 quilómetros de lonxitude, que se ten revelado como unha solución idónea para resolver os problemas de tránsito e mobilidade da cidade do Douro e o seu contorno.
1 comentario:
Xa todos sabemos cales son as prioridades do goberno nacional, e desde logo non as infraestructuras de Galicia. Nembargantes eu apuntaría antes cara a vertebración do interior galego cos portos e aeroportos situados na periferia.
Ourense precisa de unhas boas liñas de tren que permitan o tránsito de mercadorías cos portos de Vigo e La Coruña.
Se tivesemos unhas mellores comunicacións coas zonas máis poboadas o reparto da densidade de habitantes sería máis uniforme cara o interior.
Mentres en Pontevedra faltan terreos empresariais en Ourense sobra terreo.
Con un aeroporto menos e algunha liña férrea máis Galicia multiplicaría o seu producto interior bruto o beneficiar o tránsito interno aforrando en mantemento de infraestructuras caras. Pode que a ministra trague esa: "cambiamos Alvedro por AVE interior",
Unha aperta desde Terra de Montes, segue adiante Alejandro.
Publicar un comentario